Manuel Bragado Rodríguez
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre e editor retirado. Foi Director Xeral de Edicións Xerais de Galicia S.A., dende o mes de xaneiro de 1994 ao de abril de 2018, empresa na que traballou dende 1990. Licenciado en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago (1976-1981), foi profesor da materia «Edición e actividade editorial» do Mestrado en Edición 2009/2010 das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Foi mestre orientador no CEIP Lope de Vega de Vigo (2018-2019) e CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela (2019-2023).
É presidente da Asociación Premios da Crítica de Galicia, secretario da Fundación Luzes e membro do consello editorial da revista Luzes, socio do Real Club Celta, membro do Instituto de Estudios Vigueses, do padroado da Fundación Celso Emilio Ferreiro, da Sociedade Jules Verne de Vigo, de ProLingua, de Nova Escola Galega, do STEG e de Amnistía Internacional.
Foi presidente da Fundación Luzes (2019-2023), da Asociación Galega de Editoras (2010-2014), de Culturgal (2014-2017), da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88), director da Revista Galega de Educación (1986-2000), membro da sección de «Lingua, literatura e comunicación» do Consello da Cultura Galega e redactor do documento «Lingua e edición» da ponencia de Lingua e Cultura do Proxecto Galicia 2010.