Onte 218: Cita no mar de Lira
Foi en Portocubelo, no local da Confraría Mar de Lira, onde acudimos con Xabier Díaz e Luís Rei Núñez para presentar Cita en Fisterra. O acto foi precioso. Tras as palabras agarimosas de acollida de Milucho, Xabier Díaz abriu cunha cantiga mariñeira de Lira, acoutando así o territorio atlántico do libro, unha viaxe de sete xornadas de Monte Louro a Caión, un relato no que se mesturan varios xéneros (a novela, a crónica, o dietario) e se desenvolve un exercicio de memoria individual e colectiva. No seu parlamento Luís Rei Núñez reivindicou para a literatura galega o xénero da viaxe, até agora pouco frecuentado, a pesar do fenómeno da emigración. Lembrando a frase de Pessoa, «para viaxar basta con vivir», reclamou a experiencia e a ollada do escritor viaxeiro sobre a súa propia terra, a pesar de poder ser acudado de localismo, xa que, citando a Miguel Torga, «o universal é o local cando lle quitamos as paredes». Insistiu que o seu modelo para esta viaxe foi o que puido seguir Josep Plá polo Empordá, o dunha persoa coas antenas postas e cunha curiosidade infinita polas persoas, por observalas, por escoitalas: «Este libro é unha declaración de amor a unha Terra e a un tempo histórico desta Terra». Luís rematou lendo «Abecedario do Pindo», un poema escrito para acadar o maior nivel de protección para o Monte do Pindo. Logo, Xabier Díaz puxo cabo o serán con dúas pezas memorables a muiñeira de Santa María de Arou e o alalá de Muxía.
Trackbacks y pingbacks
[…] Bragado, director de Xerais, comenta en Brétemas o acto de presentación do libro Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez. […]
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir