623: Outras edicións de «Cantares gallegos»
Antes da presentación, Xesús e Pablo Couceiro agasalláronos cadanseu exemplar da edición facsímile que prepararon en Edicións do Cerne de Cantares Gallegos. Utilizaron a segunda edición corrixida e aumentada pola propia Rosalía, a de 1872, a que inclúe 35 poemas numerados e dous sen numerar, editada pola Librería de Leocadio Pérez e impresa en Rivadeneyra.
A iniciativa dos Couceiro, que forma parte do seu proxecto editorial de recuperar edicións históricas do libro galego, únese á que hai poucas semanas presentou o Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega, desta volta o facsímile da primeira edición de Compañel. Segundo Antonio Vázquez Rey, autor dun bosquexo de biografía rosaliana, da edición viguesa de 1863, a que inclúe 31 poemas numerados e dous sen numerar, se fixo unha tirada de 50 exemplares, nos que figuraba impreso o nome da persoa a quen ía destinado, case todos eles familiares ou achegados de Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Unha moi interesante curiosidade que nos informa da distribución case «baixo demanda da nosa primeira trabe.
Dentro das edicións que se fixeron de Cantares gallegos é interesante salientar a que fixo Ricardo Carballo Calero para a Biblioteca Anaya en 1963, coincidindo coa celebración do centenario e coa edición que preparou Fermín Bouza Brey para Galaxia, Carballo actualiza a ortografía e enriquece o glosario de voces feito por Murguía que acompaña a todas as edicións do poemario fundacional. Unha edición a de Carballo que en 1969 publicaría Ediciones Cátedra dentro da súa colección letras hispánicas. Bo é lembrar estas edicións pioneiras cando festexamos este sequiscentenario.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir