Máis sobre as feiras

Ten razón Jaureguizar que cadaquén fala de feira como lle foi nela. A do libro de Santiago, que hoxe remata, non foi para botar moitos foguetes. Nós fixemos un esforzo importante: tres presentacións (bastante concorridas todas elas, sobre unhas corenta persoas cada unha) e catro asinaturas (con maior participación de lectores do que pensabamos). Sen embargo, non quedamos satisfeitos. E non falo das vendas (que aínda carezo de datos). As instalacións continúan sendo cutres, non hai posibilidade de sentar a tomar un café e botar unha parolada, falta publicidade dos eventos e, por riba, moitos dos libreiros de fondo non están presentes.
Suspéndese a Feira do Libro de Ferrol e hai moita incerteza de que se poida celebrar a de Vigo (a praza de Compostela está en obras e Corina non ofrece un emprazamento alternativo do gusto dos libreiros). Témome que o actual modelo das feiras do libro de Galicia, organizadas en exclusiva pola Federación de Libreiros (por moitas feiras novas que se organicen en Noia ou en Monforte) están tocando definitivamente fondo. Un sinal da crise real do sector libreiro e da incapacidade de todo o mundo do libro galego de xuntarse arredor dun modelo alternativo de promoción. Comprendo aos que se queixan, mais tamén boto en falta maior enerxía e compromiso para seguir turrando deste carro.