Clubes de lectura

bretemas —  15 de Febreiro de 2005
Onte os membros da Comisión do Libro rematamos o texto do Plan de lectura. Nesta nosa derradeira xuntanza apareceron un turbillón de propostas e iniciativas moi interesantes. Hai dúas das que quedei singularmente feliz que se incluísen: a creación dunha Oficina da lectura (recuperando o noble termo empregado polos editores de incunables), como entidade de xestión do plan, e a promoción de Clubes de Lectura.
Estes clubes son pequenas sociedades de lectores sen fronteiras que comparten mensual ou quincenalmente as súas lecturas. Estes espazos de tertulia e debate de persoas que len un mesmo libro, baixo a tutelaxe dun monitor ou coordinador, van tecendo a modiño unha comunidade de lectores participativos e críticos. Clubes que se forman en bibliotecas, asociacións, librarías, cárceres ou na mesma rede, organizándose por idades, xéneros, idiomas…
As listas de libros que se len nestes clubes deberían ser publicitadas polos medios, constituíndo un indicador das tendencias de lectura, seguramente, máis fiables que as elaboradas a partir das vendas das novidades en librarías.
Magnífico o texto de Emili Teixidor que atopei propoñendo estratexias e razóns para fomentar o desexo de ler. Dá moitas pistas razonadas para entender as conviccións profundas do comportamento lector, complementando a proposta clásica de Gaarder recollida no seu traballo “libros para un mundo sen lectores“.
Débolle á familia o descubrimento desta axenda culinaria. Un blo onde se mesturan gastronomía e literatura (receitas e artigos de reflexión sobre a cociña galega e a súa historia) preparada polo responsable de www.colineta.com. Un blo moi saboroso, si, señor.

O chófer escritor

bretemas —  14 de Febreiro de 2005


Lino Novás

Tiñamos só noticias confusas deste chófer escritor, nacido nas Grañas do Sor (as mesmas terras do bandido Casanova), considerado un narrador de culto en Cuba e un precursor do realismo máxico. Foi autor das primeiras traducións ao castelán de Faulkner, Hemingway ou Huxley. A recente publicación en Tusquets dun seu libro de relatos e unha exposición en Ortigueira redescubriunos a existencia doutro importante escritor da nosa cultura do exilio e da emigración. A súa biografía semella apaixonante e novelesca e o seu currículum literario impresionante.
Teño curiosidade por ler os tres artigos que escribiu sobre Galicia, cando, enviado pola revista gráfica Orbe, volveu en agosto de 1931: “Hombres de mar y mujeres de orilla. Instantáneas gallegas”, “Por la aldea de Galiza” e “Por las aldeas de Galiza, las escuelas”. Agardo que mos envíe dentro duns días unha profesora da Universidade da Habana interesada en que sexan publicados en Galicia.
Fuco escribe hoxe outro post xenial, de lectura e relecturas moi recomendables. Ian debulla deliciosamente as intencións dun artigo de fondo de quen aspira a converterse no berlusconi galaico. Nalló ofrece unha crónica magnífica, como todos os seus post. Un non dá lido de vagar todo o que vai agromando na nosa comunidade blogueira.

Prohibicións e vinganzas

bretemas —  13 de Febreiro de 2005
Un alumno de Económicas mándame unha foto tirada na cafetaría da súa facultade. Prégame que a divulgue para poder gañar un concurso de fotografía anecdótica galega organizado por aduaneiros sen fronteiras. Recoñezo que quedo un chisco perplexo, pero así o fago. O mellor do asunto é consultar as obras presentadas e ler os comentarios sobre elas. Paga a pena miralas todas e botar unhas risas (unhas cantas merecen ser enlazadas). Aquí meu amigo Quique ten unha fonte inesgotable para novos prodixios.

Sorprendente é, tamén, a noticia que leo nun dos meus blos preferidos: a vinganza dun empregado de McDonalds contra un policía novaiorquino.
Si
Dubideino moito, mais a fin decidín pedir o si.

Luces de vida

bretemas —  13 de Febreiro de 2005


Allariz, 2005 Posted by Hello

Onte asistimos ao pasamento da nai dunha grande amiga nosa. Unha fisterrán, fonte de luz, muller dun fareiro, que viviu unha vida plena, agasallando sempre aos demais co seu sorriso e o seu contaxioso entusiasmo por facelo con alegría. A sorpresa foi a cerimonia relixiosa, previa á incineración. Rexeuna en galego un crego mozo de Fornelos, un auténtico espírito rebelde que fixo un orixinal alegato de afirmación da vida e da esperanza. No acto leron e falaron os netos da finada, a semente de vida máis fermosa que ela deixou. Facía tempo que non me emocionaba tanto e, ao mesmo tempo, admiraba o traballo cívico dun crego. Esta rara avis deixounos totalmente abraiados. Beizóns para el e para as luces de vida que nos deixou esa muller alegría.

Abecedario para Rosa

bretemas —  12 de Febreiro de 2005
Oínlle a don Xesús que a presentación dun libro é un subxénero da oratoria caracterizado pola gabanza equilibrada. Dende entón, pretendo ter sempre presente esta definición porque a desmesura dos editores no uso de adxectivos grandilocuentes, motivada sempre pola paixón na defensa do libro, pode levarnos a falta de credibilidade.
Creo que non foi este o caso de onte na cidade guindastre cando presentamos a novela de Rosa. Defendina con paixón porque esta narración, tan arrebatadora como poderosa, entusiasmoume dende a primeira lectura. Un acto, concorridísimo e emocionante, que nos deparou a fortuna de escoitar unha intervención memorable de Carlos Negro, que reinventou o xénero da presentación por medio da creación dun abecedario elaborado só con palabras utilizadas pola de Meirás. Non me resistín a anotalas na libreta unha por unha. Que bonito!!!
Un abecedario para Rosa con motivo de Veu visitarme o mar
Quen lera a novela comprobará que son as palabras xustas e equilibradas. Beizóns para Carlos e Rosa por unha noite na que nos emocionamos ao falar do ser humano. Seguramente diso trata a literatura.