Teresa Moure, premio Rafael Dieste 2007 de teatro
Esta mañán recibimos unha magnífica noticia: Teresa Moure obtivo o premio Rafael Dieste de teatro por Unha primavera para Aldara.
O xurado do premio sinalou que o texto foi seleccionado “pola sólida estrutura dramática, a potencia dos conflitos e a magnífica construción de personaxes”, apreciando nel “a ambición dunha trama sostida por un gran traballo de investigación histórica que trascende a época do drama para abordar temas de actualidade”, así como “a aposta por unha dramaturxia histórica” e “polo alto nivel literario” do mesmo.
Gustavo Pernas, membro do xurado, sinalou no anuncio do galardón que a trama da obra sitúase nun cenobio no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas. “Máis alá do documento histórico e do traballo de investigación, destaca a universalidade e transcendencia de certos temas como a igualdade da muller”, segundo expresou o dramaturgo. Ademais, “abórdanse temas de actualidade utilizando unha trama histórica está falando de nós, de Galicia, de tradición e modernidade. A obra ten uns personaxes moi ben perfilados, é rica en dramaturxia e tamén en narración”. Concluíu Pernas afirmando que a posta en escea “constitúe un desafío”, xa que se trata dunha obra de 160 páxinas con grande complexidade escénica.
Unha primavera para Aldara é o primeiro texto dramático de Teresa Moure, amosando, así, a súa versatilidade e talento que a converten nunha das nosas grandes escritoras contemporáneas. Beizóns merecidas para ela. O vindeiro mércores, ás 20:00 horas, presentaremos na Libraría Pedreira de Santiago Benquerida catástrofe, a súa máis recente novela. Quedades convidados a felicitala.
Despois de botarlle unha ollada a esa nova sección na páxina principal da bitácora vexo que non esqueceu incluir o decisivo encontro Celta- Xetafe. Quero anticiparme ó que espero sexa un aluvión de parabéns pola permanencia (quedoume mal sabor de boca por terme metido con vostede en Carral polo efecto ‘Stoichov’). A ver se así me redimo.