Onte 17: «A árbore da vida»
As máis de dúas horas de The tree of life fóronse nun plis plas. Xa lera cousas suxestivas sobre a película de Terrence Malick, que prometían o mellor. Agardaba atopar a beleza dun poema visual. Sabía que asistiría a deconstrución dun relato familiar da América profunda, unha historia iniciática, que explora as claves dunha ruptura. Estaba disposto a enfrontarme a unha película densa, complexa, sen concesións emotivas. E abofé que o film superou todas estas expectativas. Primeiro, pola súa beleza desbordada, tanto por unha fasquía visual e sonora que rende ao espectador, como pola súa magnífica interpretación dramática (Brad Pitt, Jessica Chastain e mociño protagonista, Hunter McCracken, están a grande nivel). Segundo, pola forma de abordar en paralelo senllas indagacións sobre a orixe da vida. Unha, en clave micro, utilizando a ollada dramática, a da formación do carácter no seo da familia, esa estrutura emotiva solidificada no intercambio coas figuras paterna e materna, sometida, ademais, a confrontación cos irmáns. Outra, en clave macro, utilizando a ollada documental, a da orixe do universo e o desenvolvemento do planeta, dramatizada visualmente na pantalla, dende o estourido inicial á formación dos planeta, pasando por cando foi ocupado polos dinosauros en territorios vizosos até o que será o seu inevitable devalo final. Unha e outra indagación, unha e outra olladas de xénero, conforman a árbore da vida, unha narración circular, que remata coa mesma luz tenue coa que se inicia, quizais para expresar o seu carácter expiatorio («Onde estabas ti cando eu fundaba a Terra?», Libro de Xob). Máis alá do goce visual e do moito xogo interpretativo que ofrece o film de Malick, é estupendo poder reconciliarse nas salas actuais co CINE. Non deixa de ser unha brincadeira que na sala da Praza Elíptica, a proxección desta película marabillosa de Malick fose precedida pola do trailer da tamén norteamericana El arte de pasar de todo. Unha proba máis do valor dunha película que racha para o público actual os límites tan estreitos do cine de fin de semana.