Onte 1623: «Paris-Austerliz», o derradeiro Chirbes
Despois de dous meses lendo para un concurso, aproveitei para meterme con Pais-Austerlitz, a obra póstuma do admirado Rafael Chirbes, á que dedicou dúas décadas de reescritura. Fose polas dimensións reducidas, polo fondo pesimismo como pola perfección da estrutura e da prosa, lembroume a Mimoun e La buena letra, dúas das súas primeiras novelas. Xaora, utilizando a confesión dun narrador en carne viva, acompañamos a unha parella, formada por dúas persoas de moi distinta orixe social e xeográfica, dende a euforia erótica do seu encontro até a súa derrota, amosando así que o amor non pode con todo. Nalgún momento o xove pintor afirma que «a fraseoloxía do amor pide que o consideremos algo nacido no fondo da natureza e, ao mesmo tempo, capaz de servir de envoltorio do enteiro universo». As páxinas duras de Paris-Austerlitz, reescritas cando a morte era presentida, expresan a desolación dos amantes diante da incerteza do seu futuro e do sexo como unha forma de dominación capaz de chegar a entolecer. Unha novela sobre a esencia tráxica do amor escrita coma testemuño artístico e moral dun clásico.