Listado de la etiqueta: plan_xeral_de_normalización_lingüística

Penélope

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da homenaxe a Xosé María Díaz Castro e do Día de Internet, comento as novas máis recentes sobre o estado da lingua.

galego-internet-300x199A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.

Porén, a ledicia do éxito acadado por Punto Gal non pode agochar que neste dezasete o galego perde peso cuantitativo en Internet. Os datos estimativos de “W3Techs”, traballados na reportaxe de Alberto Quián para o portal “G.Ciencia”, amosan que a porcentaxe de uso do galego en Internet se reduciu no último ano de forma significativa, colocando a nosa lingua no posto 48 da clasificación mundial. Xaora, os contidos en galego supoñen un 0,0075 % dos existentes na Rede, oito veces menos ca en catalán (0,1 %) , moi lonxe do 4,6 % en castelán e do 2,3 % en portugués, linguas todas as tres que superan o 0,1 %, porcentaxe que semella marcaría a fronteira entre as linguas relevantes en Internet (o inglés supón o 55,9 %) e as minoritarias. Outrosí cabería dicir con respecto a Twitter onde os estudos de xeorreferencia dos chíos emitidos en Galicia amosan que uso do galego é inferior ao do castelán. Datos que demostran que o emprego do galego na Rede, a pesar do seu incuestionable dinamismo nas redes sociais e nos blogs, asume o devalo que decote percibimos noutros soportes comunicacionais impresos e ámbitos da vida social e política.

Tras tres décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e unha da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2014), documentos que contaron co apoio unánime do Parlamento de Galicia e de numerosos colectivos cívicos, é desacougante asumir que nos últimos anos a lingua galega sofre un doloroso retroceso, tanto na súa cadea de transmisión interxeracional (os picariños dos ámbitos urbanos apenas a coñecen, un feito desolador), coma no seu status e emprego en todos os ámbitos da vida social. O galego deu un paso atrás. Un retroceso no que ten responsabilidade a actuación dun lobby negacionista capaz de transformar os prexuízos e falsidades de pé de banco sobre o galego –unha lingua que para este lobby utilizariamos só “os parvos aldeanos ou os fanáticos nacionalistas excluíntes”– no dogma do “bilingüismo cordial” abrazado por Núñez Feijoo como argumento para desvincularse dos consensos arredor do idioma forxados durante as presidencias de Fernández Albor e Fraga. Unha decisión política adoptada coa intención de desbancar a Touriño do Goberno Galego, mais que unha vez gañadas as eleccións supuxo a rápida modificación do modelo lingüístico no sistema educativo non universitario (o Decreto de Plurilingüismo recorrido pola Real Academia Galega, hoxe no Tribunal Supremo) e, como efecto inmediato, unha abrupta redución do uso do galego como lingua vehicular na educación infantil e na etapa obrigatoria.

Xa “Penélope”, o extraordinario poema de Xosé María Díaz Castro, salienta o aparente paradoxo do futuro de Galicia, do noso país, do noso pobo, tamén da nosa lingua e a súa cultura. “Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus soños non se move”. A posta en marcha do Punto Gal supón un paso adiante para o futuro do galego no século XXI, mais o decreto de Plurilingüismo do Partido Popular un paso atrás. Xaora, tamén enxerga Díaz Castro en “Penélope” a esperanza (“Traguerán os camiños algún día / a xente que levaron. Deus é o mesmo”), xa que o futuro do galego dependerá de cada un de nós, do esforzo da cidadanía galega, da súa firmeza e compromiso para usalo e defendelo (“Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!, / e toda cousa ha de pagar o seu desmo”). Un paso adiante e outro atrás, Galicia.

Onte 409: Solidariedade cos procesados do 8-F

Pareceume oportuno o comunicado que onte publicou a Plataforma Prolingua amosando a súa solidariedade cos procesados do 8-F. Doce participantes na denuncia activa da manipulación e a expresión de odio que supoñía a manifestación en contra do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 afrontan unha petición fiscal de 45 anos de cadea, acusados de desordes públicas e resistencia á autoridade. Como atinadamente sinala Prolingua, poderiamos preguntarnos de que estamos a falar cunha petición coma esta?, «De sete anos de cadea por defender a lingua galega dun ataque extremista? De procesados por berrar contra os que vulneran as normas de convivencia das que nos dotamos as galegas e os galegos..?» A fiscalía ben faría en retirar os cargos aos procesados do 8-F xa que «o seu delito» non foi outro que defender a lingua de todos e todas (tamén dos que a aldraxan, menosprezan e pretenden a súa desaparición efectiva). Se a sociedade galega quere un futuro digno para a súa lingua propia, un obxectivo a recuperar despois da clara vitoria electoral do PP, debe ser capaz de recuperar os consensos arredor do seu estatus e da súa promoción.

«O galego abraza»

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre a que entendo é situación decisiva na que se atopa o conflito arredor da política lingüística. Insisto en que o futuro vai depender de nós:

Ese futuro vai depender de nós. O futuro do que lle aconteza a esa lingua na que residimos como pobo (dixo Novoneyra) está nas mans da cidadanía deste país, se o queremos continuar chamando Galicia. Este futuro é unha cuestión estratéxica que require tanto as maiores doses de acordo entre as forzas políticas e entidades sociais, como a creación dunha nova civilidade arredor do uso do seu idioma. O galego é a nosa forma de estar no mundo, o mellor xeito que temos de abrazar, de expresar o noso agarimo e a nosa leal discrepancia. Velaí o fulcral do dilema político actual arredor do idioma. Ou recuperamos as políticas de consenso forxadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e actualizamos e desenvolvemos cada unha das súas medidas, creando así unha nova civilidade para unha lingua que sabemos é de todos, ou xebramos de vez a baralla e transformamos as políticas lingüísticas en liñas de confrontación política e o que sería aínda máis lamentable, de separación e confrontación entre os propios cidadáns galegos.

O futuro da lingua líbrase no terreo do compromiso persoal e no combate cívico colectivo. Hoxe viaxaremos a Compostela para expresar a nosa esperanza.

Roto o consenso sobre o PXNL

A que semella imparable deriva do actual Goberno Galego lévao a rachar o consenso acadado en 2004, entre as forzas sociais e as tres forzas parlamentarias, arredor do PXNL. Facendo caso omiso das recomendacións do recente documento da Academia Galega (que reclamaba como un dos principios básicos da súa proposta de acordo social integrador: “a reafirmación e desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización Lingüística”, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004), o presidente Feijóo e o seu desafiante conselleiro de Educación dan outro paso atrás que nos sitúa outra volta diante do precipio. Os globos sonda lanzados esta semana polo conselleiro, visualizando así (e para que non haxa dúbidas ningunhas) quen manda na política lingüística popular, tanto o referido á  posibilidade de segregar ao alumnado por lingua vehicular, a posta en marcha dunha consulta inmediata ás familias, como o desvencellamento do establecido  no PXNL, a pesar da súa dubidosa validez xurídica, agoiran que así non vai ser posible restaurar o consenso. Tres medidas moi regresivas, ás que se engade a intención da Dirección Xeral da Función Pública de implantar outra medida regresiva, esta vez na función pública, retirando o exame de galego das oposicións dos funcionarios. Todo despois da manifestación da Mesa e na primeira semana de traballo do novo Secretario Xeral de Política Lingüística.

Que consenso, ou que pacto lingüístico (esa é a denominación empregada polo novo secretario Xeral de Política Lingüística), pretenden propoñer os responsables do Goberno Galego?  Canto tempo tardarán en poñer en solfa os contidos da Lei de Normalización de 1983 (que esta semana Gloria Lago solicita con toda claridade que sexa derrogada)? É lexítimo pedir un novo consenso, ao tempo que se van desmontando os que tanto esforzo custou acadar? En apenas unha semana esquecéronse as boas intencións do nomeamento de Anxo Lorenzo?

Fermín Bouza (beizóns por esa serie de anotacións extraordinarias no seu blog) volve atinar cando propón unha estratexia total para a recuperación do consenso idiomático, onde xunto ao necesario traballo político tome protagonismo a militancia cívica, organizada en redes sociais.  Un vieiro imprescindible que cómpre artellar decontado.