Onte 1774: Fermín Bouza, un dos poucos imprescindibles
Non é doado encaixar o pasamento de Fermín Bouza, o grande mestre galeguista da esperanza. Como chiou onte Manuel Rivas «Fermín era luminoso e valente, un punto de luz cruzaba o escuro», así se presentaba cando chegaba de Madrid cos azos e o entusiasmo que aquí sempre tanta falta facía para poñer en marcha os proxectos de país. Admirabamos a Fermín como poeta e narrador galego, cunha obra aínda en boa medida inédita, que sempre me anunciaba. Seguiámolo pola súa agudeza como analista político e social capaz de convertir o seu blog, «O voto con botas» nunha lumieira entre tanta confusión conformista, vital en batallas colectivas como as da dignificación do idioma. E, sobre todo, queriámolo pola súa xenerosidade desbordada coa que nos agarimaba en cada encontro. Xosé Manuel Pereiro lamentaba onte, con todo a razón, que Fermín Bouza foi un mestre que Galicia nunca soubo aproveitar. Unha perda grande e dolorosa dun dos poucos imprescindibles. Beizón, Fermín!
Recomendo moi vivamente o obituario que lle escribiu Manuel Rivas.