Onte 1578: «Youth» («A mocidade»)
Youth (La giovinezza), a última xenialidade de Paolo Sorrentino, é unha película perturbadora onde o peso das emocións e a corrente de beleza de imaxes memorables esvae un argumento apenas funcional, Como sucedera xa n’ A grande beleza, a densidade e a grandilocuencia visual, sonora e textual facilita a abordaxe de temas esenciais, dende unha reflexión filosófica, como os valores da mocidade e da vellez (quizais, o principal), mais tamén da lembranza e do esquecemento, do éxito e da decadencia, da saúde e da doenza… Unha película na que o sublime nunca abandona a pantalla, sexa polas interpretacións marabillosas de Michel Caine, Harvey Keitel e Rachel Weist, sexa polas frases (moitas veces aforismos) que utilizan nas súas conversas, ou polos constantes cambios de planos ou variación de medlodías musicais. Sorrentino móvese n’ A mocidade no territorio que só transitan clásicos contemporáneos para dar conta da desolación do século XXI. Memorable!