Onte 1814: «La La Land»
Non sei ben como caimos en La La Land, o musical de Damien Chazelle, mais a verdade é que pasamos dúas horas estupendas. Un musical contemporáneo que rende homenaxe ao cine clásico, especialmente ao xénero dos musicais, e expresa devoción polos Ánxeles como cidade do cine. Unha película industrial en toda regra, mais capaz de introducir elementos inusuais de transgresión na narración, tanto no seu sorprendente inicio como nun peche onírico xenial, que deita doses de doce melancolía. Unha historia de amor de desenlace amargo entre dous perdedores, unha actriz e un pianista de jazz, que procuran o seu difícil soño de artistas baixo o ceo da cidade das estrelas (marabillosa a canción principal). As interpretacións excelentes de Emma Stone e Ryan Gosling, as cancións orixinais interpretadas por eles, a exaltación da música jazz, a hipnótica escena final e unha banda musical marabillosa de Justin Hurwitz converten ao musical de Chazelle nun clásico do xénero. Recomendable.