Listado de la etiqueta: colexio_oficial_de_xornalistas

Onte 1314: «Quita ese micrófono de aí!»

No día mundial da liberdade de prensa, don Juan Carlos volveu demostrar o que entende por ese dereito da cidadanía e dos profesionais da comunicación. Cando na previa da carreira de MotoGP de Xérez o rei emérito falaba no paddock con Ángel Nieto, o xornalista Nico Abad decidiu meter o seu micro, o que levou a Juan Carlos a darlle unha gadoupada ao aparello e dicirlle de forma autoritariaria ao informador: «Quita ese micrófono de aí!» Apenas outra borbonada de quen xa xubilado non abandonou as formas doutrora nin renunciou aos privilexios que o obrigaron a renunciar á coroa. Xaora, non hai que acudir ao comportamento de Juan Carlos, para denunciar ataques frecuentes á liberdade de información que no marco da crise das empresas xornalísticas vive na inevitable autocensura dos profesionais instalados na maior precariedade e do conformismo resignado das súas direccións cos intereses dos poderosos. Como sinala tan atinadamente o excelente manifesto de Fernando Varela o que hoxe está ameazada na comunicación «é a posibilidade de construír sociedades mais libres e máis xustas nas que cidadáns formados poidan elixir, poidan tomar decisións debidamente informados.»