Onte 1902: «Hell or high water» («Comanchería»)
Hell or high water (Comanchería) de David Mackenzie amosa que sempre é posible actualizar os xéneros. Desta volta o director escocés dálle unha volta de porca ao western cun trhiller de elegancia sublime e de forte intencionalidade social narrado con precisión cirúxica e envolto na melancolía da música country. Unha historia antiépica de dous irmáns perdidos no pó (excelentes intrepretacións de Chris Pine e Ben Foster) que asaltan pequenas oficinas bancarias da entidade na que pretenden liquidar a hipoteca herdada da súa nai, á que abandonaron. Mais tamén este é o relato da persecución no deserto texano destes dous foraxidos, que procuran dous rangers, o sheriff Marcus (extraordinario Jeff Bridges), a punto de apousentarse, e o seu compañeiro mestizo (indio e mexicano) Alberto Parker. O interese deste western social renacido está, sen dúbida, tanto na solidez do guión, desenvolto cuns diálogos potentes, inzados de humor negro, como nunha composición visual impecable e unha banda sonora inquedante, ao servizo da fluidez da narración.
Xaora, Comanchería está construída toda arredor de tópicos do xénero como «o da morte nos talóns» ou «dous homes e un destino», tantas outras veces abordados na historia do cine en títulos memorables como Pat Garrett and Billy the Kid (1973) de Sam Peckinpah ou Bonnie and Clyde (1967) de Arthur Penn, cos que comparte este imaxinario e reflexión moral. O duelo final e a súa resolución, que vai moito máis alá das pistolas, un retrato brutal da América branca profunda (adiantándose a era Trump), converten a esta Comanchería en cine social e político de moitos estralos. Do melloriño que vimos nos dous últimos anos.