A morte do grande
mestre polaco conmocionou a rede de forma tan unánime como moi poucas veces teño visto. Desque hai case unha década descubrín
La guerra del fútbol quedei prendido á obra deste narrador da verdade que silenciosamente (sen apenas contar co apoio da mercadotecnia editorial) foi gañando a milleiros de lectores. Ninguén pode dubidar que as súas grandes reportaxes son
memorables, mais os seus libros de “ensaio” máis recentes (
Los cínicos no sirven para este oficio,
Lapidarium IV e El mundo de hoy) quedarán para sempre na miña memoria de lector como os meus preferidos, deses poucos libros que se deixan reler como manantío. Kapuscinski foi autor dunha obra que se resiste a unha clasificación unívoca; definiu a súa prosa simplemente como “textos” escritos ou falados. A esencia do xornalismo contemporáneo.
Hoxe, cando sabemos que só nos quedarán os seus textos, traduzo uns poucos anacos maxistrais de Lapidarium e O mundo de hoxe, anticipatorios da textualidade dos blogs:
“A forma da sonata é a estrutura dunha obra musical cuxa esencia consiste nunha transformación libre de temas. Unha das súas variantes: a sonata barroca, que se compón de movementos breves que constrastan un co outro. En literatura, o seu equivalente sería o fragmento, a forma fragmentaria.” (Lapidarium IV)
Cando me preguntan qué escribo, sen formular cuestións propias da teoría da literatura, contesto: un texto. E que tipo de texto? Un texto bo. Todo escritor desexa crear un bo texto. (O mundo de hoxe)
En todos e cada un dos meus textos intentei descubrir, captar e reflectir o quid, a esencia do acontecemento, do fenómeno ou da realidade que describo. (O mundo de hoxe)
O detalle sérveme como punto de partida para unha reflexión xeralizadora. (O mundo de hoxe)
En todo o que fago intento falar coa miña propia voz, unha voz persoal, amortecida. Non sei berrar. (O mundo de hoxe)
Que a terra che sexa leve, mestre!
O mellor reporteiro do século XX!!!
Non son un fan de Kapuściński. Os seus libros nunca me aportaron gran cousa. Pero si había neles, e en todo o seu discurso, unhas ideas moi claras, que se empeñou en difundir e que espero que teñan callado nas mentes de moitos xornalistas (sobre todo nos máis novos): a ética do xornalismo, a responsabilidade social dos comunicadores, a función de servizo público como un deber, a obriga de defender aos máis desfavorecidos, de revelar as verdades ocultas.
O xornalismo non é unha profesión calquera. As condicións de traballo son malas, o que leva a unha progresiva proletarización, e a unha perda de autonomía respecto dos propietarios das empresas informativas. Os xornalistas vensensometidos a presións dos actores máis poderosos, con meirande capacidade de influencia. Temas fican esquecidos, unha parte da sociedade acalada… E baixo todo isto está o xornalismo, as raíces, o que nunca debeu desaparecer, que agroma de cando en vez como unha mala conciencia nos pesadelos de SantiagoReys, Polancos e Berlusconis.
Ler a Kapuściński é como volver ás orixes, e lembrar por que decidimos un día estudar xornalismo, e por que seguimos facendo o traballo que facemos, malia que non sexamos nin sequera mileuristas.
Ei, Brétemas, heille de dar un toque…
E non me cita a wikipedia española habendo un bo artigo na galega? 😉
http://gl.wikipedia.org/wiki/Ryszard_Kapuscinski