Respecto para a crítica
Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.

Estas palabras falan moito da nobreza e da xenerosidade de quen as di. Grazas.
Eu penso que case sempre o mellor crítico é o propio lector. E a crítica merece moito respecto, por suposto, pero tamén merece unha crítica propia para que se estableza un diálogo crítico, poderíase dicir.
Saúdo e saúde, Brétemas.
A crítica seria que adoito ler non usa sufixos despectivos; iso é doado e directo, pero insultante. Hai recursos lingüísticos abondos e sutileza para dicir algo sen ofender.
Peke: a sutileza e a ironía requiren madurez e amosan o talento de quen as utiliza con propiedade. Son as armas dos artistas. Non todos os que escribimos textos, como ben podes comprobar día a día, as posuímos. Eu engadiría outro requisito para a crítica, alén do rigor e da independencia, a piedade. O subxectivismo non implicar tratar de despezar impunemente a ninguén. Cal é a razón de que algúns o fagan? Eles saberán.
Máis que piedade, Brétemas, un fino sentido da educación. Non é máis incisivo quen máis se ceba de xeito groseiro, senón quen di o que pensa sen facer alarde dunha presunta belixerancia de non se sabe que e contra que. E xa non digo máis, que xa dixen abondo.
Ás veces penso que neste pequeno país os peores defectos do grande están amplificados. Unha mágoa.
Piedade, sutileza, rigor, independencia, educación, coñecemento literario, metodoloxía interpretativa, soltura expresiva, claridade… sonche moitos requisitos para o exercicio da crítica. Non debemos esquecer que o nivel da nosa crítica é parello ao do desenvolvemento do noso sistema literario. Estou convencido de que se contásemos con máis soportes e apoio para a crítica a calidade do seu traballo melloraría. Mágoa que neste momento as súas carencias poidan chegar a facer dano. A pesar de todo, insisto, na necesidade de respectala. Ademais, sempre existe a posibilidade da confrontación de críticas e das subxectividades das lecturas dun mesmo texto.
creo que a ligazón da apocalipse non está ben posta… 😉
do resto concordo con todas as súas palabras. Engadiría unha máis: encaixe.