Ramiro Fonte, palabras de despedida

Ramiro Fonte nas súas conversas, sempre entusiastas e audaces, adoitaba recordarnos unha frase de Gérad de Nerval: «a voz do poeta é a voz de todos os homes». Hoxe, abatidos pola dor inaturable da súa ausencia, cando os portos da lembranza xa non son seguros, é moi difícil escoller as palabras esenciais para expresarlle en poucos minutos a gratitude infinita de todos os que o amamos, os que tivemos a enorme fortuna de gozar da súa amizade inquebrantable, do seu abrazo agarimoso de irmandade e esperanza, da súa voz de poeta máximo que cantou para todos e por todos.
Ramiro, como a súa admirada Rosalía, era dos que levaba orgulloso na fronte unha estrela e no bico un cantar, as insignias da nosa Galicia do corazón. Dedicou todas as súas ansias a labrar co maior coidado cada poema, cada verso e cada frase, empregando as humildes ferramentas do artesán honrado que, na soidade do seu estudio vigués, londinense ou lisboeta, traballaba as palabras primixenias co máximo nivel de esixencia. Froito dese permanente puír durante tres décadas intensas, déixanos en herdanza unha obra literaria viva en diálogo co tempo futuro.
Poeta liberal, romántico, moderno e popular, como fixera Baudelaire («o lector é o meu irmán, o meu cómplice, o meu semellante»), renunciou á voz individual e foi a súa a voz da confesión colectiva. Comprometido dende a mocidade universitaria coa causa da lingua de noso, Ramiro procurou nos seus textos para Galicia a utopía dunha gran cidade atlántica europea, compendio de todas as nosas, cosmopolita e avanzada, guiada polos ideais liberais e galeguistas da Cova Céltica coruñesa do seu admirado Manuel Murguía.
Foron os seus temas literarios os esenciais á condición humana: o amor, a amizade, os ritos do recordo, a sombra da morte (que como sinala Borges, vainos a todos desgastando), as formas do tempo, como a mocidade, que imos, inexorablemente, abandonando. Lector puro, escritor en primeira persoa, asumiu contracorrente, como aconsellara Walter Benjamin, que a liberdade do individuo reside en perderse no anonimato da multitude. Así renaceu Fonte no seus poemas complementarios de formas clásicas, como Ulises das cidades portuarias, como voyeur do cotián, como cazador de rotinas e instantes fugaces, como fotógrafo literario de obxectos humildes e sinxelos nos que sabía residían os auténticos brindes pola vida. E como fixera na composición dos seus textos, adoptaba idéntica posición na súa vida case ascética, paciente, demorada, serena, na que procuraba o gozo dos actos máis sinxelos, das ilusións pequenas compartidas con tantos amigos.
Con esa mesma convicción acometeu durante sete anos de infatigable traballo o proxecto de «Vidas de infancia», un relato no que recuperou a súa infancia eumesa e que, sen dúbida, pasará á historia da prosa de ouro en galego. Mil cincocentas páxinas emocionantes, dignas, honestas, onde se describen os espazos humildes desgastados pola man do tempo; onde se relatan aconteceres de heroes anónimos que falan nas barberías e comercios e beben nas tabernas; onde se describen casas nas que, a pesar das penurias daquel tempo de miseria, se producían instantes felices, grazas á ilusión dos eumeses. Un relato que é festa de badaladas, guitarras, mómaros, gaitas nas festas das aldeas ou do ritmo do paso. Espazos e personaxes eumeses, porén, universais, de tres novelas memorables escritas coa luz do afecto, esa liña tenue que nos fai mellores e máis humanos. Do empeño formidable desta triloxía na que intentou describir o paraíso, Ramiro saíu tan robustecido como exhausto, despois de explorar novos límites para a narrativa galega e construír unha obra indiscutible sobre a memoria da infancia, a única patria posible, onde están formulados todos os sinais da identidade e dos nosos afectos.
Desde hai poucos meses, Ramiro Fonte, agarimado por Elsa e polos seus, libraba unha difícil batalla, que non lle impediu escribir outros dous formidables libros de poemas. A súa ausencia déixanos a saudade do seu abrazo e palabra agarimeira, mais nos seus versos eternos queda «todo o mar na fragrancia da ribeira».
Despidamos a Ramiro con orgullo e gratitude, recuperando a súa voz de poeta, na que todos nos recoñecemos. Leremos o primeiro poema do seu último libro Xardín do Pasatempo, onde atopamos a súa poesía máis viva

XARDÍN DO PASATEMPO

Vou visitar o xardín
Do pasatempo este día,
Por se encontro a melodía
Deses versos que perdín
E que están dentro de min.
Competir cun reiseñor
Que é preguiceiro e cantor,
Sen darlle a ningúen a lata,
Será unha tarefa grata
E un artístico labor.
….

Nalgunha vida anterior
Estiven neste lugar
Ó que veño pasear.
O recendo desa flor
Resúltame familiar,
Ten algo de evocador.
A estranxeira araucaria
Vólvese aquí hospitalaria,
E a solitaria palmeira
Fica aquí nos días de feira.

Este xardín terrreal
Desterrou as esculturas
Dos dragóns, das criaturas,
O marmóreo pedestal
Que sotiña un xeneral.
Abriulle a xaula á quimera
A pasada primavera.
Pero xira un carrusel,
E ti dás voltas con el,
Dás voltas a vida enteira.

Con todos os nosos abrazos para Elsa, os seus pais e as súas irmás.

* Texto lido, en representación dos amigos e amigas de Ramiro Fonte, no cimeterio de Pontedeume no serán do 13 de outubro,

1 comentario

Los comentarios están desactivados.