Púrpura para Amanda

O sábado participei no acto de entrega do Premio de Relatos Os Viadutos para menores de trinta e cinco anos, que dende hai sete anos organiza o concello. Alí souben de Manuel Antonio Lourenzo Sobral, un mozo de Arcade, licenciado en filoloxía (está facendo o postgrao sobre o galego exterior con Quique Costas). Manuel é o autor de “Púrpura para Amanda”, o relato que os membros do xurado declaramos (sen dúbida ningunha) como gañador. Un conto impresionante, arredor da tortura e do golpe de estado de Chile en 1973, literariamente redondo. Ao remate, contoume que era a primeira vez que mandaba algo a un concurso e que tiña un fachico de contos na gaveta. Volvín para casa contentísimo. Aí veñen novas xeracións de narradores galegos cun pulo poderoso!
4 comentarios
  1. Cesare
    Cesare Dice:

    Que me digan a min que o literario non vais nos xenes… Cantos lourenzos temos e tivemos ao choio de escribir?

    Que se vaian numerando como pacotaibo!!

  2. folerpa
    folerpa Dice:

    É carralludo nun país no que aos 50 anos aínda eres unha “xoven promesa” en calquera campo creativo, resulta que agora hai que ser menor de 35 para todo: hipotecas xoves, vivendas de protección de protección oficial, premios literarios e subvencións varias.
    Morro inédito e sen piso seguro.

  3. täreisha
    täreisha Dice:

    Disculpádeme, pero vin esta entrada e me chamou a atención.
    Manuel é o meu profesor de galego (curso de iniciación… perdoádeme os errós e a miña falta de vocabulario), e non podo deixar de expresar este especie de orgullo de alumno que sentín á saber do premio e cando lín o teu comentario.
    É unha persoa de infinita paciencia que intenta, non só ensinar a lingua, se non transmitir o respeto pola cultura galega. Nas súas crases sempre fala dos autores, de historia, da etimoloxía, da diversidade do galego, da fala e, sobre todo, da escritura.
    Por iso sé que o seu relato será unha mostra de boa literatura. Eu estou desexando poder ler “Púrpura para Amanda”.
    Saúdos

Los comentarios están desactivados.