Prontos a ler, visita lisboeta
Dous días en Lisboa (nos que abandonei completamente o blog) deron para moito: camiñar unha das nosas cidades máis queridas, falar devagariño cos editores amigos, participar na inauguración dunha exposición de libros españois e nun encontro con editores lisboetas sobre o deseño editorial, coñecer as últimas novas sobre a reconversión editorial portuguesa e, sobre todo, tomarlle o pulso á difícil situación económica e social do país irmán (que nisto da crise parece ir bastante por diante nosa).
Emocionoume comprobar que a edición portuguesa do libro de Agustín xa está nas mesas de novidades da FNAC (a carón dun libro de Edgar Allan Poe) e nos escaparates das librarías do Chiado, onde vin, tamén, a edición de deriva da Dragona de Queipo. Dúas mostras de que a nosa literatura vai abrindo unha fenda en Portugal da man dos dous editores que mellor coñecen e aprecian a nosa literatura. Quedei moi contento sabendo das boas noticias da marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a editora independente do noso amigo Nelson, sen dúbida, o máis importante editor de cultura portugués das últimas décadas. Ademais do libro de Agustín, Nelson está enguedellado no lanzamento dun novo libro de poemas de Manuel Alegre (algún día poderá chegar o poeta á presidencia da República?) e na recuperación dun novo texto de Cardoso Pires. Apampei coa nova novela de Mia Couto (lina nunha noite nun hotel, por certo ben bonito), unha obra na que mozambicano demostra que é un dos grandes. Abraioume comprobar in situ como se consolida o proceso de concentración das editoras literarias portuguesas, acelerado pola consolidación do grupo Leya, que agora xa agrupa á editorial Caminho, a ASA, a Dom Quixote e a Oficina do livro, algo verdadeiramente incrible!, que abre múltiples interrogantes sobre o futuro e a identidade dos proxectos destas editoras e agoiro anticipa a concentración conseguinte da súa comercialización (algo que xa coñecemos aquí dende hai máis dunha década). Non hai dúbida, o sector editoral portugués está revolto.
Con todo, quizais o máis interesante, foi participar na Mesa Redonda cos colegas portugueses e co mestre Enric Satué, o comisario da exposición itinerante “Listos para ler”. Durante dúas horas e media debatemos sobre o futuro do sector do libro e o papel que o deseño editorial vai ter neste proceso de tránsito inevitable entre formatos. Dende posicións máis ou menos integradas (e algunha que outra máis ben apocalíptica) chegamos á conclusión de que só terán futuro os libros impresos máis fermosos, os mellor concibidos e os mellor editados. Aí o papel do deseño e da creación do editor serán imprescindibles.
Despois de tantas novidades, volvimos con saudades, na cidade da luz, semella inevitable. Volveremos en outono para acompañar a Agustín na presentación aos medios de Só resta o amor.
Fai anos k non viaxo a Lisboa.Ainda recordo ir de neno ca miña nai no tren desde Coruña a Vigo e despois a Portugal (e kedar eu en Tui por ser menor) a akelas feiras, e traer roupa, café e moitas cousas mais k habia k pasar ante a G.C, na aduana.
Pd.¿Peor crisis k aki? xa logo pareceme imposible
A crise en Portugal é cousa seria: o IVE chegou ao 215 (cinco puntos por riba do noso), o litro de gasoil está a 1,50 euros; o billete de bus a 1,40 euros e cunhas pensións para os reformados de 300 euros. As medidas de axuste que oín a Sócrates na televisión son moi duras. A vida dos humildes en Portugal é durísima.
Pois apañados vamos, tuvo unhos anos bos Portugal, incluso habia inversions de aki, en Lisboa, Oporto etc.A min pareciame k “despegaba”, pero xa vexo k non, Saudos
De facto a crise é dura e não há alternativa entre os principais partidos de poder. As próximas eleições podem servir para agravar a crise social e política, as condições de vida estão a degradar-se a um ritmo fortíssimo e os mais desfavorecidos estão a passar dias muito difíceis.