Pepe e Anisia



Originally uploaded by bretemas.
Mañá

Onte atopeime en Teucro con Miguel para traballar sobre o desembarco do libro galego con motivo do Sant Jordi. Deseñamos os criterios do programa. É unha oportunidade que este ano non podemos perder.

Mediodía

A homenaxe a Pepe e Anisia foi emocionante. Gustáronme, sobre todo, as palabras de Susana (vaia texto máis medido e literariamente fermoso) e as de Luis Bará, o capitán intrépido tanto deste Salón como da concellaría. No remate, cantaron Mini e Mero (seguen sendo referentes para o profesorado da escola das pombas) e aquilo foi bagoar. Anisia agasallouos coa rosa branca do Marti da idade de ouro.

Pepe e Anisia, como editores e promotores de Follas Novas, apostaron hai xa corenta anos pola internacionalización do libro galego, proxecto que agora aos editores de hoxe nos parece tan imprescindible. Anisia (a creadora do proxecto Zunzun) e Pepe (o noso Balbino de Gres) son dous exemplos morais de resistencia e loita contra o conformismo.

Tarde

Convídanme a participar como xurado do desfile de comparsas. Varias conclusións: primeira, o pixama de Tonecho é o disfraz preferido deste ano; segunda, hai no noso entroido urbano dúas orientacións que se impoñen claramente: a transformación do rostro enxebre do país en algarada choqueira e as saudades dos desfiles brasileiros. Sen dúbida, aposto pola segunda porque son admirador dos blocos azuis e brancos da Portela, a escola de samba do barrio da Madureira (onde naceu Ronaldo) e que inspirou as cancións do Paulinho da Viola . Mañá gustaría participar no bloco popular (pouco que ver cos desfiles no sambódromo) que vai defender as súas oito ideas para cambiar o mundo. Como sei que non poderei facelo, consólome escoitando no itunes o choro de Teresa Cristina.