Onte 685: Lamentable espectáculo de Tele 5 e La Sexta
Tal como agoirabamos, as cadeas privadas estatais transformaron onte a desgraza de Angrois, que esqueceran o mércores, en lamentable espectáculo televisivo de fin de semana. Todo pola audiencia! Nin sequera as intervencións tan atinadas de Antón Losada e Xaime López no «Gran debate» evitaron o desacougo que me produciu o enfoque grandilocuente do programa de Tele 5, cadea á que desta volta La Sexta superou en oportunismo co seu «La Noche de La Sexta». Abafado, optei por apagar e coller o ipad para botarme a ler.
Non é pequena a lección aprendida nesta traxedia de Angrois sobre a importancia para a sociedade galega de contar cuns medios de comunicación públicos profesionais propios. Medios capaces de ofrecer unha información rigorosa e veraz, así como unha opinión independente e plural. Medios, ademais do papel que cumpren na promoción e fomento da lingua e cultura galegas, necesarios para manter a cohesión cívica e a dignidade que merecemos como país. Grazas de corazón aos profesionais da TVG e da Radio Galega por realizar unha cobertura informativa tan digna e intensa como a que manteñen desde o momento no que anunciaron o terrible accidente. A TVG, a Radio Galega e a súa canle de internet amosaron estes días que son medios de comunicación imprescindibles para Galicia. Convirá non esquecelo.
Home, eu, máis ca unha boa cobertura informativa, que tamén ten a súa importancia, o que botei en falta foi unha boa cobertura dos servizos de emerxencias. Dúas horas despois do accidente, por alí non apareceran nin a metade dos que tiñan que ter vido ós dez minutos. Case todo quedou en mans de quen levaba a mellor intención pero non tiña a obriga profesional de aceptar unha responsabilidade como é a de (intentar) salvar vidas.