Onte 682: Angrois
Quedei mudo desque coñecín a noticia do accidente do Alvia na curva Grandeira de Angrois. Xa naquel anuncio agoiramos unha tremenda traxedia que nos magoa e enfronta ás limitacións dos medios de transporte, onde non existe o risco 0. Serán as investigacións xudicial e da comisión de accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento ás que diriman responsabilidades e expliquen as causas do descarrilamento nun treito de vía, considerado de trazado difícil, no que a condución do tren era manual. Será, probablemente, a análise do tacógrafo a que poida explicar o sucedido, pouco máis pode dicirse dunha traxedia hoxe inexplicable.
Será este 25 de xullo, un día da patria de exaltación silenciosa da solidariedade dun pobo tan xeneroso coma o noso cos brazos sempre dispostos para a aperta. Será tamén un día para agradecer a entrega aos heroes do 24X: traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencia, como da xenerosidade da veciñanza de Angrois, as primeiras persoas que entre o abraio acudiron polas vítimas. Mención á parte merece a gratitude que a cidadanía debe aos xornalistas e medios (sobre todo Radio Galicia, a SER de Santiago) que desque coñeceron a noticia informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias. Como sería inxusto non celebrar a cobertura en directo da TVG e da Radio Galega (a pesar das súas especulacións e imaxes sen editar iniciais), fronte ao pobrísimo papel da TVE e das cadeas privadas xeralistas estatais, que continuaron coa súa programación coma se nada sucedese. A traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas. Porén, sei que hoxe xa están chegando de Madrid os que transformarán esta hemorrraxia de dor en horas interminables de lecer televisivo. Mágoa! Neste 25X: Xornalismo independente ou barbarie!, o demais é silencio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir