Onte 21: a taboíña de Amazon

A presentación do Kindle Fire, a taboíña con sistema operativo Android de Amazon, amosa, outra volta máis, que a actual batalla pola creación dun modelo sostible de libro electrónico dirímese en moi boa medida entre os tres xigantes estadounidenses da distribución dos contidos dixitais de cultura e lecer, Amazon, Google e Apple. Polas informacións que fomos coñecendo, semella que a estratexia do xigante da loxística cultural é apostar por liderar o negocio da distribución de libros e de aplicacións (creará un Amazon Apps Store), o que non lle impide presentar unha renovación completa da súa gamma de lectores de tinta electrónica (a uns prezos xa moi asequibles e cunhas prestacións atractivas), como a de intentar crear un espazo no das taboíñas, cun aparello de prezo asequible (arredor de 150 euros), moi inferior ao do IPAD, e de prestacións e deseño semellantes ao PlayBook de RIM. En todo caso, Amazon onte deu un paso importante apostando pola distribución dos contidos dende unha biblioteca dixital e por un modelo de negocio (Amazon premium) baseado na suscrición. Diante de tan interesantes propostas, supoñemos que Google non tardará en mover a súa ficha neste mercado de distribución de contidos dixitais textuais. Fronte ao dinamismo das multinacionais estadounidense, os modelos de libro electrónico que utilizamos os editores europeos (baseados na tinta electrónica e no emprego do antipático DRM de Adobe) quedan cada vez máis afastados das necesidades dos potenciais usuarios. A presentación deste novo Kindle de Amazon, que se comercializará a partir do 15 de novembro, suscita moi numerosas preguntas: Debemos rendirnos diante de Apple e Amazon, empresas que utilizan lectores propios con formatos de encriptación propietarios? Apple poderá continuar vendendo os seus teléfonos e taboíñas a prezo de ouro? Google continuará negociando cos editores europeos para ampliar a súa xigantesca biblioteca dixital?

2 comentarios
  1. xarubal
    xarubal Dice:

    Efectivamente, por máis que nos disguste aos que preferiríamos un modelo máis aberto, parece que no curto prazo só vai haber tres alternativas de distribución. Cal será a estratexia dos editores galegos neste contexto? Van seguir obviando a realidade do libro electrónico e do entramado empresarial da súa distribución?

    Hai pouco fíxenlle a mesma pregunta a un compañeiro seu doutra editorial galega, que ten medio centenar de títulos publicados en formato electrónico Adobe DRM e utilizou este feito para contestarme! Isto é, hai editoriais galegas importantes que consideran que editar libros descatalogados do seu fondo editorial en formato Adobe DRM é unha estratexia viable para o libro electrónico!

    Responder

Trackbacks y pingbacks

  1. […] publicidade do Kindle Fire subliña o seu carácter de servizo. Amazon aposta máis pola distribución de contidos, que poden […]

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *