Onte 1865: “Lady Macbeth”
Mágoa que confunda tanto o título de connotacións shakesperianas da ópera prima de William Oldroy, adaptación á Inglaterra vitoriana da novela Lady Macbeth de Mtsenk do ruso Nicolai Leskov, contemporáneo de Dostoievsky. A protagonista do drama de Oldroy comparte apenas a determinación e o carácter feroz da Lady Macbeth de Shakespeare no seu proceso de empoderamento fronte a abafante sociedade patriarcal, representada no micromundo dunha granxa vitoriana de North Cumberland. A interpretación de Florence Pough, un prodixio na utilización da ollada como forma expresiva, sostén todo o relato do devir dunha muller que comeza sendo vítima dun matrimonio amañado por razóns económicas, mais que será capaz de empoderarse sexualmente, o que lle permitirá tamén recuperar o control da súa vida; para despois perdelo, vítima dunha psicopatía e crueldade extrema, que o guión non xustifica como merecería.
A composición austera de interiores, a utilización constante do primeiro plano e a práctica ausencia de banda sonora intensifican o dramatismo e a brutalidade do relatado. En todo caso, o principal interese do film radica na súa indagación sobre como o abuso pode converter ás vítimas en verdugos. Outra volta de porca ao debate sobre se é lexítima a vinganza e sobre cales son os límites da liberdade persoal, onde o magnetismo sedutor da protagonista provoca que o espectador dificilmente vaia ser capaz de evitar a ambigüidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir