Onte 1567: «Mia madre»
Nanni Moretti lembra o pasamento da súa nai en Mia madre, outro filme interesante sobre a perda e o proceso de duelo. Encarnado no personaxe da magnífica Margherita Buy, unha directora de cinema comprometido, Moretti esculca no territorio difícil da identidade familiar, mais tamén dos medos contemporáneos (tan agochados) e do peso dos afectos nos momentos máis fráxiles da vida dos seres queridos, aqueles que obrigan a cuestionarnos quen fomos e que somos. O contrapunto irónico que coa directora establece o actor italo-americano (John Turturro), protagonista da rodaxe da súa película, alixeira a emotividade do relato, ademais de facer unha sátira da actual industria cinematográfica. Xaora, a clave da proposta do director italiano está no deseño do personaxe da nai doente, unha profesora de latín que deixou fonda pegada no seu alumnado, mais a quen os seus fillos (tremendo papel o do irmán de Margherita, interpretado por Moretti) descubren nos seus días derradeiros.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir