Onte 1527: Cineuropa e Curtocircuíto
Non debería pasar desapercibido o feito de que este ano fosen recoñecidos os dous festivais de Compostela: Cineuropa co Premio da Crítica Galicia 2015 de Iniciativas Culturais e Curtocircuíto co Premio do Público de Culturgal 2015. Dous premios honoríficos que salientan a importancia de senllas iniciativas de difusión e promoción do cine independente converténdoo nun eixo dunha proposta cultural de interese para a cidadanía, dende unha perspectiva local e global.
Tanto Cineuropa coma Curtocircuíto, ademais da excelencia e actualidade da súa programación, foron capaces de crear coa súa continuidade teimuda no tempo unha nova tradición. Como tamén ambos os dous festivais ampliaron as súas actividades a varios espazos da cidade e pretenderon a integración de públicos diversos arredor de propostas atractivas para audiencias de idades e intereses tamén diversos. As actividades arredor do cine funcionan como facilitadores dun xeito novo de facer unha cidade inclusiva. Xaora, o feito de recoñecer en Galicia (por fin!) as iniciativas cinematográficas constitúe un valor engadido para os propios premios e as entidades que os outorgan. Foi en Compostela un ano de cine. Abeizoamos aos directores e equipos técnicos de Cineuropa e Curtocircuíto, como ao concello de Compostela polo esforzo que supón mantelos e potencialos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir