Obradoiros de escrita
Patricia Castelao (inédita) 2005
Onte, a caixa de correo deparoume o mellor agasallo para comezar o día. Joan Carles envíame unha mostra da maqueta nova colección infantil que estamos coeditando con eles e cos vascos. O traballo de Patricia, unha das novas ilustradoras galegas (con experiencia no traballo de animación) é magnífico. O seu figurativismo ondulante, un chisco daliniano, xa me gustara moito na edición dos contos prodixiosos e me rendeu definitivamente no libro de Álvaro.
A finura da burbulla
No día dei nova volta a unha Galicia pragada de aroma amarelo. Ao mediodía xantar en Torre con sumilleres para preparar a guía 2006 (o cava que bebemos foi un descubrimento, sobre todo pola finura da súa burbulla). Á tarde vin o traballo que Xurxo nos está preparando sobre a Terra dos Acordos, expléndido será o retrato de Galicia profunda e máis tradicional que alí pervive. Á noite presentación en Muralla do libro dos meus amigos rodarianos. Volvín escaganllado e aburridísimo escoitando as liortas entre señor do bigote co noso vello presidente, agora lixeiramente arrepentido. Non hai volta: teñen moita razón.
A paixón da escritura
No acto, os rodarianos defenderon a pulsión da escritura como estratexia de animación lectora. Propoñen crear obradoiros de escrita que permitan a creación e recreación literaria colectiva. Leron e cantaron textos dos seus obradoiros, algúns moi paveros. Escribir para gozar da alquimia das palabras. “Escribe, canalla, escribe!” é o seu detonante.
Gústame a obra de Patricia Castelao. Paréceme moi boa.