O "Oliver Twist" de Polanski
Polanski atopamos no seu remake de Oliver Twist. Formalmente maxistral, a narración cinematográfica flúe fiel co texto da novela, ao ritmo marcado por unha fermosa banda sonora e unha ambientación decimonónica moi coidada, deixando só un oquiño final para unha homenaxe polanskiana á ambivalencia moral de Fagin, o mestre dos ladronciños. Porén, o mestre da dor deixa subterránea a súa pegada na aparentemente intrascendente exposición dos padecementos infantís como parte da condición humana e da súa maduración e perda da inocencia (algo moi dickensiano), fuxindo á mantenta do sentimentalismo de bos e malos doutras versións. A crueza arrepiante da xungla urbana londiniense (paradoxicamente unha homenaxe a Praga), amosada en detalles insignificantes, serve para expresar con frialdade a brutalidade da vida coa que aínda hoxe se enfrontan con escasa esperanza milleiros de rapaces das rúas do mundo. Eis, nese escaso doutrinarismo moral da versión de Polanski é onde atopei esas migallas de infinita humanidade que deitan todos os textos do meu admirado Charles Dickens. Creo que Polanski, a pesar do xélido desta mirada, sae ben parado da ousadía de reconstruír tan complexa narración deste mestre indiscutible do corazón humano.
Nunha primeira ollada pode parecer que moi pouco do selo do rabudo
Esta semana andei ocupando o tempo con Claire Denis, pero deste sábado non pasa.
Hai que volver a Dickens, infelizmente un gran descoñecido (e dígoo en serio).