O meu mapa íntimo de librarías

Amo as librarías da miña cidade. Gosto das tradicionais como “Cervantes”, da vella tradición das librerías viguesas: a de “Tetilla” en Policarpo Sanz, a “Rápida” en Gran Vía, a de “Barba” na Laxe, a de “Barrientos”, a “Papelería Española” e a “Bertrand” (que nos enchían de orgullo, no centro do Príncipe), a “Pax” de Elduayen, a “Galdós” de Romil, ou a “Anticuaria” que rexía Xosé María Álvarez Blázquez en Pi e Margall, fronte a miña casa, onde naceu Castrelos, a editora dos libriños do Moucho, que se vendían polas feiras, todas elas xa desaparecidas.
Gosto das que aínda miman o libro galego como “Mendinho”, “Andel virtual”, “Cartabón” ou “Sargadelos”, continuadoras da tradición das que apareceron nos anos setenta e, logo foron desaparecendo nos últimos vinte anos: “Arcova”, nas galerías de Colón; “Ir Indo”, nas de Príncipe; “A Esmorga”, na rúa Gamboa; “Curros Enríquez”, en Montero Ríos (onde se presentaron os primeiros libros da editorial); ou “Castelao” nos Choróns, que fundara o finado Fernando Pereira, o que foi alcalde de Soutomaior, cando volveu da Galicia emigrante.
Gosto das grandes librarías de fondo como “Librouro” (hoxe a miña preferida), creada polo señor Antón Patiño, a quen tanta gratitude lle debemos; mais, tamén, a de “El Corte Inglés” ou a “Casa do Libro”, o máis recente refacho de esperanza e un dos espazos onde presentamos máis habitualmente os nosos libros.
Gosto das coquetas librarías literarias como “Babel” ou “Versus”, ou daquela “Maxtor” que pechou o pasado ano.
Gosto das infantís como “Mañán”, “Libros para soñar” ou das xa desaparecidas como “Merlín” e “A caixa de Pandora”.
Gosto das librarías de barrio, sempre imprescindibles, como “Auria”, “Prisma”, “Gami”, “Lafer”, a “Libroteca” de Travesas ou a vella “Gran Vía”, que fundou o señor Izaguirre e tan importante na miña adolescencia.
Gosto de remexer nos seus andeis e nas mesas de novidades, gosto de falar cos libreiros e libreiras e aprender deles os segredos da súa noble e arriscada profesión. Gosto de todas elas, a pesar das súas insuficiencias, por que todas son necesarias; por que todas venden esperanza e alegría; por que todas son, en maior ou menor grao, fonte irreparable de pracer, de emoción e de gozo. Por que en todos estes humildes establecementos se ofrecen produtos destinados a satisfacer esa paixón intrinsecamente humana utilizando un obxecto que chamamos libro: o desexo de coñecer e soñar, para vivir con máis radical intensidade.
Etiquetas: ,
22 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Grande Gami. A estirpe ademáis continúa. O fillo, que aprendeu inglés no rocho da libraría, é un fenómeno. Mágoa de maior espacio: ninguén coma eles coñecen mellor o negocio. Deles depende a mercancía cultural dun país.

  2. ghanito
    ghanito Dice:

    Cando eu ainda era un neno lembro que o meu pai levoume á libraría Arcova, cando xa estaba pechando, o dono era amigo seu e abriu a libraría para nos.
    Baixar alí ó soto, remexer nas caixas cheas de libros e mercar un bo feixe deles é unha experiencia que ainda lembro.
    Outras das que falas tamén as desfrutei, pero gardo un cariño especial por aquela tarde en Arcova, cando dixen Abrete Sésamo e entrei na cova dos libros.

  3. Mario
    Mario Dice:

    A cantidade de librarías que ten esa cidade, nunca o imaxinaría. O meu mapa, por desgraza, sería máis fantasmal que real, porque xa van un monte delas que desaparecen sen darlles tempo sequera a deixar o pouso que deixa a Colón. Na memoria a efémera “O falar das fadas” de Ferrol, onde tiñan unha lareira e un espazo enorme para facer presentacións, alén de ofrecer libros en portugués (unha raridade nestas terras) e discos imposíbeis de atopar nas tendas. Tamén lembro con moito agarimo a María Balteira de Compostela, onde ordenaban os libros por autores seguindo unha estricta orde alfabética e se podían atopar moitas revistas difíciles.
    Aver se para a sangría, aínda que tamén habería que pensar en renovar o concepto. Sempre quixen entrar nunha desas cafetarías-librarías que seica hai no mundo civilizado e que deben axudar bastante a normalizar o acceso do grande público ás librarías. Moi fermoso o post.

  4. Txetxu Barandiarán
    Txetxu Barandiarán Dice:

    Manolo:

    Realmente bello y sentido.

    Preciosa manera de poner las librerías en la conversación de la gente.

    Es en su recorrido un post provocador que trae a la memoria el propio mapa vital de las librerías personales.

    Intentaré partiendo del tuyo recoger más mapas íntimos de librerías.

    Un abrazo

  5. Anonymous
    Anonymous Dice:

    As librerías, ese espazo máxico onde mellor podemos conectar cunha ficción que esconde sempre tras de sí unha relidade. A nosa realidade;tanto universal como espacial, carnal e espiritual.As librerías, Templos da Palabra Escrita, onde nos libros, coa alquimia das ideas e a imaxinación,reinvéntanse mundos, soños e ideales, alimento imprescindible do lector. Fermosa triloxía. Escritor-librería-lector.

  6. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Parabéns por este texto. Ao lê-lo, reparei como também gosto muito das livrarias da minha cidade do Porto e como sofro por algumas terem desaparecido, como a “Bertrand” da Rua 31 de Janeiro…
    Abraço tripeiro.
    Vítor PInto Basto

  7. Depósito
    Depósito Dice:

    Vai camiño de dous anos que pechou a única libraría que o era realmente en Ribeira. A Libraría Cousas, de Mariano Vidal… E como son as cousas…, nada máis pechar, o concelleiro de Cultura local convertiuna nunha bocataría… En fin.

  8. pepe
    pepe Dice:

    En xeral, e coas contadas excepcións, eu non idealizaría tanto o mundo das librerías. Unha gran maioría delas venden libros do mesmo xeito que venderían zapatos. Así de triste.

  9. Beluka
    Beluka Dice:

    É unha mágoa abandoar a cidade olívica sen ter gozado de todas as librarías que nomeas.
    Eu quedo con Librouro, das poucas que coñezo, polo desorden das mesas de libros en promoción e por ter atopado alí verdadeiras xoíñas coas que alimentar a miña nena interior.
    Penso que o mundo das librarías si é idealizable. Eu gosto de perderme nelas, coa cabeza revirada para ler os títulos dos andeis, durante horas. Paréceme un mundo de xoguetes para nenos de tódalas idades.
    Grande entrada, preciosa.
    Apertas

  10. Beluka
    Beluka Dice:

    Desculpa o dobre comentario, pero creo que non podo falar de librarías sen nomear Follas Novas de Santiago, con aquel libreiro que sabía de cada un dos volumes da libraría máis que os seus propios autores. Non sei se segue por alí, penso que agora está informatizado e ese homiño non está, pero lembro ir de pequena con meu pai e el amosábame canto alí había e canto sabía aquel home. E eu quería ser coma el.

  11. máis alá
    máis alá Dice:

    Eu tamén quedo con Librouro, pero por que é unha referencia da miña infancia. Meu irmán, Ricardo, traballou alí moitos anos e os Reis e os cumpreanos sempre traían a sorpresa dalgún libro, e na miña casa era raro a habitación na que non había libros.

  12. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Librouro, desde logo, non é das mellores: apróximase a ese modelo de venda de zapatos. Falta, por suposto, Michelena, de Pontevedra: a mellor de Galicia.

  13. Brétemas
    Brétemas Dice:

    No post só pretendín cartografar o mapa das librarías viguesas. Non foi a miña intención valoralas nin xerarquizalas de xeito ningún. Gosto de Librouro, non hai dúbida, sobre todo desque foi modernizada e ampliada, mais tamén son cliente de moitas outras librarías viguesas e doutras moitas cidades galegas. Claro que Michelena é formidable; como o son Follas Novas e Couceiro en Compostela; Couceiro, Lume, Nós ou Sisargas na Coruña; Sargadelos en Ferrol; Torga ou Tanco en Ourense; Trama en Lugo, Sargadelos en Monforte; Porta da Vila en Viveiro, Nós en Sanxenxo; Brañas en Carballo; Ler en Riveira e tantas outras.
    Ten razón Platdorff no das librarías antipáticas, hai unhas cantas. Mais imos ser piadosos…

  14. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Pois, claro! Esqueciame da Cultural. Alí foi onde merquei o Pulitzer. Vaia xogada do esquezo! Obrigado por abrirme esa chave do recordo.

  15. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Cervantes era das tradicionais; agora xa non é nin librería. Mágoa. E a Casa do Libro, malia ser lugar de presentacións de libros (non haberá outro xeito de promover os libros mellor ca esa ceremonia cansada e excesivamente familiar?), vai camiño de nada.
    A cartografía das librerías, aparte das liñas sentimentais, ten que conter de cando en vez unhas piadosas (xa que se emprega esa palabra) e necesarias advertencias.

  16. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Súmome a Mario no que se refire a Maria A Balteira; para min, a derradeira librería de Santiago onde me atopaba coma na casa. Comprendo que é un negocio, pero boto en falta as librerías onde o dono te coñecía e sabía o que podía interesarche. O ano que pecharon Maria a Balteria foi o que pecharon Disco Laser en Compostela, unha tenda de discos que se guiaba pola mesma filosofía.

  17. Mario
    Mario Dice:

    De Ferrol aínda se pode salvar, ademais da Sargadelos, a Limiar, pequechiña e afastada do centro, pero moi comprometida coa lectura e levada por xente bastante competente, do resto si que abunda iso de vender libros coma se fosen zapatos, ademais das especializadas en “literatura” militar. A boa época das librarías nesa cidade pasou hai xa tempo, e poucas quedan. Os meus antergos, que levaban unha no centro a principios do século XX, deben estar a remexerse.

  18. Anonymous
    Anonymous Dice:

    O artigo das librerías e moi emocionante e foino especialmente para min, porque eu fun a compañeira de Fernando Pereira e compartimos aquela aventura máxica de presentar os libros dos nosos escritores sempre acompañadas dun viño do ribeiro.
    Eu sigo tengo saudade e teño a necesidade de entrar nas librerías, tocar, refollar e cheirar os libros.
    E unha mágoa todas as librerías que foron desaparecendo co paso dos anos, hai unha moi cálida que se chama Versus, está na rúa Venezuela.
    Eu son Carmen Carreiro.

  19. Diarios de Rayuela
    Diarios de Rayuela Dice:

    Mikra
    Está justo aquí al lado. Lleva ahí ni se sabe cuántos años. Se llama Mikra y es, como no podía ser de otro modo, pequeña. Una librería minúscula aunque con dos escaparates lucidos. En uno de ellos se expusieron durante mucho tiempo no libros, sino santos. Imaginería religiosa. En el otro, fundamentalmente, bibliografía médica. Tratados para el cuidado del cuerpo, iconos para el cuidado del alma. Se rumoreaba, no obstante, que el dueño había sido un perseguido político durante los primeros años del franquismo. Paradojas comerciales que tuvieron, sin embargo, un final adecuado. De la cristalera sagrada se colgó hace unos meses un cartel que decía: SE LIQUIDAN VÍRGENES, SANTOS E IMAGINERÍA RELIGIOSA EN GENERAL. Y es que estos rojos siempre terminan quemando iglesias.

Los comentarios están desactivados.