«O libro galego no mundo»

Moi atractivo o programa do V Simposio O libro e a lectura no que se abordará a situación do libro galego no mundo. Especial interese teño en escoitar Josep Bargalló, o responsable do Institut Ramón Llull. Coñecer a experiencia catalana pode axudarnos a perfilar cales deben ser as características da nosa ferramenta de xestión para visibilizar a lingua, a cultura e o libro galego no exterior. Tamén pinta moi ben a mesa redonda na que participan Helena González, Xabier Cid e Arturo Casas que reflexionarán sobre a estratexia de internacionalización da literatura galega, así como, entre outras, as conferencias dos responsables das feiras do libro de Frankfurt, Boloña e o debate sobre as nosas posibilidades no mercado do libro lusófono. Penso que será un dos simposios dos editores galegos máis interesantes dos últimos anos.
O simposio realizarase os días 13 e 14 de novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega. A inscrición é gratuíta.

1 comentario
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    E vostedes que mandan algo, non poderían facer algo polos lectores galegos en galego?

    Galicia Hoxe
    O galego é a última lingua de lectura
    Sitúase detrás de idiomas como inglés, éuscaro, catalán e castelán
    EFE

    O galego é a última lingua de lectura, por detrás de inglés (0,5%), éuscaro (0,6%), catalán (4,2%) e castelán, principal idioma de lectura co 93,7% dos usuarios.

    Segundo o "Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros" elaborado pola empresa Conecta Research & Consulting para a Federación de Gremios de Editores, o 33, 7 por cento da poboación non le nunca.

    O informe, correspondente ó terceiro trimestre deste ano, sitúa no 53,9 por cento a porcentaxe da poboación maior de 14 anos que di ler polo menos unha vez ó trimestre e no 54,2 por cento o dos que afirman comprar algún libro neste período.

    Os nenos entre 10 e 13 anos representan, por sexto semestre consecutivo, o grupo de poboación que máis le (o 81,9 por cento), segundo o barómetro, que destaca a influencia dos adultos nos hábitos de lectura dos menores.

    A porcentaxe das mulleres lectoras (un 56,5 por cento) segue sendo maior que a dos homes (un 51,3 por cento).

    A media de libros lidos ó ano foi de 8,7, e os españois que máis leron foron os menores de 45 anos, con estudos universitarios e residentes en poboacións de máis de 50.000 habitantes.

    Do 53,9 por cento da poboación que se declara lectora, un 39,7 por cento le libros diaria ou semanalmente e considérase lector frecuente. Un 14,2 por cento afirma ler algunha vez ó mes ou ó trimestre e un 46,1 por cento dos entrevistados declárase non lector. Un 59,7 por cento dos lectores só le nunha lingua, pero o 40,3 por cento restante faino en máis dunha, preferentemente en inglés (16,2) e catalán (11,4).

Los comentarios están desactivados.