O chófer escritor
Tiñamos só noticias confusas deste chófer escritor, nacido nas Grañas do Sor (as mesmas terras do bandido Casanova), considerado un narrador de culto en Cuba e un precursor do realismo máxico. Foi autor das primeiras traducións ao castelán de Faulkner, Hemingway ou Huxley. A recente publicación en Tusquets dun seu libro de relatos e unha exposición en Ortigueira redescubriunos a existencia doutro importante escritor da nosa cultura do exilio e da emigración. A súa biografía semella apaixonante e novelesca e o seu currículum literario impresionante.
Teño curiosidade por ler os tres artigos que escribiu sobre Galicia, cando, enviado pola revista gráfica Orbe, volveu en agosto de 1931: “Hombres de mar y mujeres de orilla. Instantáneas gallegas”, “Por la aldea de Galiza” e “Por las aldeas de Galiza, las escuelas”. Agardo que mos envíe dentro duns días unha profesora da Universidade da Habana interesada en que sexan publicados en Galicia.
Fuco escribe hoxe outro post xenial, de lectura e relecturas moi recomendables. Ian debulla deliciosamente as intencións dun artigo de fondo de quen aspira a converterse no berlusconi galaico. Nalló ofrece unha crónica magnífica, como todos os seus post. Un non dá lido de vagar todo o que vai agromando na nosa comunidade blogueira.