Noticia de Salinger
Gustoume esta información de EFE, lembrando o noventa aniversario de J.D. Salinger. Como editor galego d’ O vixía no centeo podo acreditar que non é ningunha lenda urbana que cando renovamos o contrato, cada cinco anos, nos comprometemos a que nas edicións que fagamos non incluiremos paratextos ningúns sobre o autor nin sobre a obra. A pesar de que Salinger é un escritor invisible, que non concede entrevistas nin autoriza que lle saquen fotografías dende hai catro décadas, o pulo da súa obra continúa xeración tras xeración de lectores. Eis a visibilidade do texto sobre a figura do escritor.
Curiosa a anécdota. Non a coñecía.
Grazas por editar O vixía no centeo en galego, que foi como se me apareceu na miña vida na adolescencia, aínda que eu pensaba que a día de hoxe a tradución estaba descatalogada. Hai catro anos recomendáralla ao meu alumnado. Quen se deixou levar polos meus consellos e a leu non lembro se foi porque había un exemplar no centro ou porque lles emprestei o meu, ou ambas as cousas á vez, mais non deran achado nas librarías próximas.
Mirarei estes días de novo, porque me parece un bo agasallo para o Nadal. Se non a encontrar, xa deixarei recado por aquí 😉