New Horizons award
A de Bologna son dúas feiras do libro: a dos editores e a dos ilustradores. A segunda ten as formas das peregrinaxes. No hall central hai unha enorme parede cuberta de debuxos e tarxetas de contacto de artistas novos que chegan cos seus cartafoles cheos coa esperanza de poder atopar un editor. Non é doado facerse un oco entre tanto rebumbio.
Interesoume a exposición de ilustradores. O mellor: o espazo dedicado a Max Velthuis, o holandés que morreu o pasado ano (Xerais publicou dúas series de catro títulos dos seus traballos para primeiros lectores). A simplicidade do xesto gráfico e o clasicismo da técnica (mestura de gouches e lapis) non perden un ápice de modernidade. Bonito e orixinal traballo è, tamén, o dunha ilustradora coreana, Hee-Na-Baek, que mestura fotografìa, colaxe e trazo, e o dunha xaponesa, Yusuke Yoneza, que fai unha caras cuns ollos que lembran aos que facìa Dìaz Pardo.
O de Espanha como país convidado é un pequeno (ou grande) fracaso. O salientable: a arquitectura efìmera da exposiciòn de ilustradores (sò un artista galego). A ministra Carme Calvo suspendeu a súa presenza na inauguración, por mor de atender asuntos máis importantes; algún dos responsables do Ministerio falaba en “petit comité” que preferira non perderse a Feira de Abril. Sexa coma for, Calvo demostrou no primeiro ano do seu mandato que non é unha persoa de letras; ela prefire cousas máis aparentes. Viva o espectáculo!
O estand de Galicia é bo. Amplo, ordenado e bastante vistoso. As pezas de Xan López Domìnguez son o máis gabado polos visitantes. O cadro galego estaba hoxe formado por media ducia de membros da AGE, dous escritores (convidados polo ministerio) e dous funcionarios da Consellaría. Non había, como ven sendo tradicional xa nos últimos anos, ningunha presenza institucional.
Manhá tratarei de ver os libros premiados. Chámame a curiosidade o “New Horizons Winner”, titulado Ubucuti bw´imbeba n´inzo vu, de John Kilada, de editions Bakame de Kigali, Rwanda.
Ola. Buscando información sobre a feria de Bolonia atopo estas “Brétemas” con anotacións frescas e de primeira man sobre o asunto. Estupendo. Só comentar que cando os que non puidemos ir lemos que “O de Espanha como país convidado é un pequeno (ou grande) fracaso” nos quedamos coa curiosidade de saber por qué. Obviamente esta non é a páxina dun periódico e non ten por qué informar ó respecto, pero o comento de todos xeitos 🙂
Con respecto o deseño da exposición e dos catálogos, escoitanse moitos piropos, certamente.
Un saúdo.
Este comentario escribino o primeiro día da Feira. Era intuitivo. Hoxe, xa rematada, e despois de asistir a todas as actividades, lamentablemente creo que debería ser reconsiderado: foi un fracaso estrepitoso. Só se salvou a exposición de “Ilustrísimos” e os coloquios de ilustradores e autores (dos que dou información no blo). Sen embargo, non había presenza de libros (o decisivo na edición), nin de catálogos promocionais, nin de medios de comunicación, nin de presenza institucional destacada que avalase á delegación (a ministra preferiu quedar en Madrid para presentar o libro de Raphael). O estand de España era insulso (cores “rojo y gualda”), incómodo (atestado por unha exposición de Quixotes antigos que non viña ao caso). Unha oportunidade perdida. Moi diferente ao despregue de bo gusto e de animación que fixo a cultura catalana na Feira de Guadalajara. O misterio de Cultura actual na cuestión do libro está desnortado. Non semella unha prioridade política.
Entendido Brétemas, moitas gracias.
[Nota: a ilustración do comentario sobre Media Vaca é de Muñoz Bachs!]
Feliz domingo.
Efectivamente. Xa o corrixo. Agradecido. 🙂