Morreu don Elixio Rodríguez

Esta mañá soubemos do falecemento en México D.F., aos noventa e sete anos, de don Elixio Rodríguez Domínguez. Foi este o primeiro verán no que don Elixio, acompañado sempre de dona María Gloria, non puido acudir a Bande, onde tivemos a enorme fortuna de coñecelo hai case vinte anos cando alí traballamos, a vila onde hai setenta e cinco fundou a agrupación das Mocidades Galeguistas e onde deixou tantos e tantos amigos.
Durante toda a súa vida, este “metiche” (como agarimosamente o chamaban os membros da comunidade galega emigrada en México), nunca desistiu da súa fe galeguista e republicana. Testemuño recollido en Matádeo mañá, un volume memorialístico que constitúe unha reconstrución emocionante do seu periplo vital, ao tempo que unha das pezas primeiras da nosa literatura da memoria histórica.
Viviu, contra o seu criterio, a Guerrra Civil nos dous bandos, no sublevado en intres dramáticos, case diante dun pelotón de fusilamento en Celanova, incorporándose como piloto de combate e, posteriormente, pasando ao bando legalmente constituído. Traballou como secretario de Castelao na Solidariedade Antifeixista Galega, para logo, en 1939, coller o camiño do desterro cara México no buque Ipanema. No seu país de acollida, don Elixio desenvolveu unha actividade empresarial como propietario dunha empresa de plásticos, o que non lle impediu realizar unha actividade política e cultural galeguista moi intensa, participando en múltiples iniciativas como no programa radiofónico “A Hora de Galicia” ou no Padroado de Cultura Galega de México participando no consello de redacción da revista Vieiros (1959), xunto a Luis Soto, xermolo da vangarda política, cultural e estética dun renovado nacionalismo galego.
Recordo a don Elixio sempre fumando, parándose para comentar devagariño un acontecido. Recordo a viaxe que fixermos a Ponte da Barca un sábado para tomar o bacallao e o estropicio que a nosa María (que entón non tiña dous anos) lle fixo ao seu coche. Recordo súas chamadas telefónicas para anunciarnos con voz entusiasmada a súa presenza en Galicia, durante os meses dun veráns que alongaba ate o San Martiño. Recordo a humilde homenaxe que lle rendemos no premio Xerais de 1993 en Pontevedra, antes da aparición de Matádeo mañá, cando case era un descoñecido no país que tanto amaba. Hoxe recordámolo con saudades e emoción agradecida. A nosa apreta solidaria para dona María Gloria e para Iago Xes, Paio Fiz, Alda Olaia, Elixio Gael e Denís, os seus catro fillos que manteñen acesa a causa de Galicia en México D.F.

Información na rede do falecemento: Caderno arraiano (imaxe do seu velorio enviada polos seus familiares), Vieiros, La Voz de Galicia, GZnación, Xornal.com.

Etiquetas: