Mauricio ou as eleccións primarias
Eduardo Mendoza é un dos poucos novelistas españois (xunto a Marsé, Landero e Mateo Díez) que sigo desde hai máis de vinte anos. Estes días lin de tres longas sentadas a súa última novela, unha obra notable que, porén, non acada a altura doutros seus textos maiores.
Mendoza consegue que neste triángulo amoroso o lector simpatice cun dentista, Mauricio Greiss, un home con pouco carácter, mais con moitos principios e ideais que o levan, ao comezo da novela, a aceptar ser candidato no remate dunha lista do PSC ás eleccións autonómicas. Neste cadro desolador e pesimista do inicio da Cataluña pujolista e da Barcelona guapa do inicio do maragallismo olímpico, Mendoza propón unha reflexión sobre o desencanto da política e as dificultades da condición humana para facer fronte ao fenómeno do amor.
Chámame a atención que un escritor tan dotado como Mendoza –a velocidade da narración, a claridade na presentación dunha trama complexa, os diálogos memorables e a capacidade para manexar materiais diferentes son valores admirables na novela que comentamos– teña, porén, tantas dificultades para titular con xeito. A pesar de coñecer o seu interese polo paródico, unha das maiores carencias de Mauricio… é o seu título horrible, tan confuso como equívoco. En xeral non gusto dos títulos nos que aparece o nome do protagonista nin tampouco dos sintagmas ou frases difíciles de memorizar. Con todo, esta cuestión é menor, diante do esforzo de Mendoza de seguir reinventando a novela, algo que valoro no esforzo que isto supón.
Eu sonlle un devoto de Marsé e da maioria das súas novelas impares 😉 Mais que pasou con Mendoza, que nunca volveu acadar aquel elevado nivel (na miña opinión) de La verdad sobre el caso Savolta?