Mártires 1936
“A finais de xullo, derrotada a resistencia nalgúns lugares e tomadas todas as cidades, empeza a represión “legal” e paralegal: os presos en Oseira, Celanova, San Simón, e os fusilamentos ó carón dos cemiterios e os “paseos” nas cunetas que cantaría Luís Pimentel. Centos de traballadores e militantes demócratas, republicanos e galeguistas, son asasinados dende os primeiros días.
Entre eles estaban, cunha especial dimensión cultural, o poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle (fusilado o 11 de agosto no cuartel de San Francisco, Ourense); o escenógrafo Camilo Díaz Baliño (14 de agosto, Meixide – Palas de Rei); o escritor e dirixente socialista, exalcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla (16 agosto, Ferrol); o economista e secretario de organización do Partido Galeguista Alexandre Bóveda (17 agosto, A Caeira, Pontevedra); o alcalde da Fronte Popular e editor de Nós, militante galeguista, Ánxel Casal Gosenxe (19 agosto, Cacheiras – Teo); o escritor e dirixente galeguista-socialista Xoán Xesús González (12 setembro, Boisaca- Compostela); o poeta e xornalista republicano Roberto Blanco Torres (“claudiado” o 1 de outubro na estrada de Celanova a Portugal, nunha revolta da estrada perto de Entrimo); o xornalista e militante radical-socialista Jacinto Santiago (morto dun ataque ao corazón, cando ía ser “paseado” perto de Vilariño Frío, Ourense, 31 outubro); o xornalista republicano de Vigo Manuel Lustres Rivas (o seu cadáver aparece na Concheira redondelana no mes de novembro, despois de ser “paseado”).
Tamén estarán entre as primeiras vítimas da guerra os xornalistas galeguistas Xoán Carballeira e Víctor Casas, que fora director do portavoz do movemento A Nosa Terra (fusilado o 12 de novembro en Pontevedra); o pintor Francisco Miguel Fernández Moratinos; o xastre e artista coruñés Luís Huici; Darío Álvarez Limeses e Arturo Noguerol Buján, avogado e xerente de Nós, que aparece nunha cuneta da estrada A Coruña-Ferrol.
Na colección persoal da revista Nós que gardou “Ben-Cho-Shey” deixou constancia manuscrita dos colaboradores da revista asasinados: os citados Casal, Blanco Torres, Díaz Baliño, Carballeira e Noguerol, ademais dos menos coñecidos Isaac Forneiro Barandela, Manuel Fuentes Canal, Amadeo López Bello e Modesto López Teijeiro“.(A foto corresponde ao xornalista Roberto Blanco Torres, claudiado, ás catro da madrugada do día 2 outubro de 1936, hai mañá setenta anos, perto de Entrimo)
Só unha pequena puntualización: Manuel Lustres Rivas, asasinado no 36, era de Ribeira, e non de Vigo, como se di no artigo (aínda que viviu parte da súa vida nesa cidade).
Grazas pola túa xenerosidade, Manolo, ao acoller de novo unha referencia a esta sección de Historia Cultural, que a min mesmo me está a enriquecer a medida que traballo nela. E grazas a Depósito pola súa puntualización: non contrastei o lugar de nacencia de Lustres Rivas, pero o sentido do texto era chamarlle xornalista de Vigo porque alí desenvolveu boa parte da súa carreira xornalística (sobre a que ten escrito Gerardo González Martín: “Manuel Lustres Rivas, brillante periodista durante un cuarto de siglo en Vigo”, en FARO DE VIGO, 30 xuño 2000, de onde saquei os datos sobre o asasinato do xornalista).
Nunca os coñecín, nin nacera, cando eles foron asesinados. Mais sempre,levo no corazón como unha lousa o peso de tantas mortes inxustas.Ninguén lles volverá a vida, pero si a voz e a dignidade das que foron despoxados.
Vivirán sempre na lembranza de Galicia, na nosa memoria.
ALMIRAL MOUCHEZ
Obrigado, Manolo por me faceres o acordante. Postei un comentario no meu blog en lembranza do pobre Roberto, sempre vivo, eternamente inquedo.