Librarías con solera
O suplemento Estela de Faro de Vigo dedica hoxe cinco páxinas a unha longa reportaxe sobre as librarías galegas en funcionamento máis antigas. Así aparecen a Libraría Balmes de Lugo (hoxe a máis antiga do país, fundada en 1887); a Libraría Molist da Coruña (fundada en 1943, dedicada ao libro técnico e literario); a Libraría Cao de Pontevedra (fundada en 1948, especializada en libro de arte e de vello); as librarías Padre Feijoo (1955, dedicada ao libro escolar) e Tanco (1950, de carácter xeralista), as dúas de Ourense; as librarías Vetusta (dedicada ao libro de vello) e Couceiro (1969, especializada en libro galego e de vello), as dúas de Compostela; a Libraría Gráficas Santiago de Ribadeo (fundada en 1963, hoxe moi renovada) e a Libraría Librouro de Vigo (fundada por Antón Patiño e Raimunda Pérez en 1967, libraría xeralista e educativa).
A reportaxe constitúe un percorrido pola historia de todas estas librarías (moitas delas cunha clara tradición de negocio familiar, que pasou de pais a fillos e, mesmo nalgún caso, como o de Molist, a netas), así como unha radiografía dos principais problemas actuais da libraría: inflacción editorial e sistema de préstamo do libro de texto. Unha reportaxe, preparada con mimo polo xornalista J.A. Otero Ricart, que constitúe un referente sobre a situación actual das librarías independentes e familiares en Galicia.