Historia do libro
Pasei boa parte da tarde debullando esta espléndida Historia del libro de Frédéric Barbier que Alianza porá nos andeis das librarías dentro duns poucos días. Concibida dende unha perspectiva interdisciplinar, e moi ancorada, quizais excesivamente, na cultura e tradición editorial francesas, a obra vai abordando tanto a evolución do soporte, dos materiais e dos procedementos cos que se foi confeccionando o libro ao longo da historia, como os aspectos literarios, económicos, sociais ou políticos que determinaron o seu progreso e a súa permanencia.
Interesáronme moito as notas eruditas á marxe, enchidas de citas e curiosidades, ademais dos aspectos referidos aos cambios no uso das tipografías (“en caso de dúbida, empregue Caslon“), así como á evolución da tecnoloxía do papel e os procedementos de composición e impresión, aspectos que foron determinando a actual fasquía diso que chamamos libro. Como volume de referencia, recoméndoo aos profesionais da edición e aos amantes da historia da cultura impresa.