Gratuidade na Primaria

Sorpresivamente acaba de anunciarse a gratuidade total dos libros de Educación Primaria para este curso. Deste xeito amplíase a gratuidade dos libros aos alumnos de 1º, 2º e 5º. Nestes momentos descoñecemos cál foi a modalidade escollida pola Consellaría de Educación, máis aínda, cando afecta tamén ao carácter funxible e non reutilizable do primeiro ciclo desta etapa.
O sector editorial e libreiro, inmerso na voráxine da campaña de comercialización dos libros de texto, non recibiu información ningunha sobre a implementación e as modalidades desta importante medida. Editores e libreiros non merecemos, nin sequera, ser informados personalmente (como o foron as confederacións de pais e nais)?
  • Actualización (15:35): a Xunta fala de libros gratis e da continuidade da medida en vindeiros cursos ata completar o ensino obrigatorio (tres cursos da ESO). Sabemos por Vieiros da vontade de diálogo do presidente Touriño co sector do libro (os editores, e non sei se os libreiros, non fomos convocados ou recibidos por conselleiros ningúns do novo goberno) e da súa proposta de realizar un programa para “coñecer a situación do seu mercado”. Con estas declaracións non saio da miña perplexidade, moito máis despois do trasacordo na cuestión dos concertos. Un paso adiante e outro atrás, tecendo na tea dos nosos soños.
  • Actualización II (19:15): os editores convocamos unha reunión extraordinaria, mañá ás 12:00 horas na Libraría Sargadelos de Santiago para valorar a medida e as súas consecuencias empresariais e educativas. A queixa máis unánime de todos os colegas cos que falei -fóra da escasa actualización dos argumentos técnicos que utiliza o presidente sobre “a converxencia europea” que supón esta medida (velaí para rebatelos os datos que incluímos no documento da AGE sobre esta cuestión, publicado antes das eleccións)- é non ter sido consultados, nin sequera informados. Actuaría deste mesmo xeito o presidente da Xunta se tivese que tomar unha medida cunha repercusión semellante sobre calquera outro sector económico? Valoráronse as consecuencias económicas e culturais que esta medida vai ocasionar? Que medidas inmediatas vai adoptar a Xunta de Galicia para que os índices de lectura pública en Galicia converxan cos estándares dos da Unión Europea (remitimos á lectura do mesmo documento)?
  • Actualización III (21:45): afortunadamente entre este mar de propaganda atópase a opinión de xente sensata como Alba Nogueira que puntualiza nun artigo magnífico o alcance real e o molde sobre o que foron elaboradas as primeiras medidas de política educativa do presidente Touriño.
  • Actualización IV (23:00): revisando a documentación existente na rede e á vista do modelos de Castela A Mancha e das declaracións da conselleira de Aragón (actualmente responsable de educación do PSOE), non hai dúbida de que a modalidade de gratuidade escollida polo presidente Touriño será a de préstamo (o que suporá o continuismo coa opción escollida polo goberno Fraga, en detrimento doutras posibles como as do cheque-libro). Confirmaríanse así os nosos peores agoiros (expresados en roda de prensa o pasado mes de xullo) debido a unha nova imposición sen negociación ningunha (como xa fixera o goberno anterior) dunha modalidade que está sendo cuestionada polos seus efectos perversos nos países europeos que a teñen implantada.
  • Actualización V (09-09-2005): a Consellaría sacou hoxe unha nota oportuna onde aclara o procedemento a seguir para as familias que se queiran acoller á ampliación do programa de préstamo.
11 comentarios
  1. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    Demencial.

    Demencial que en medio da campaña de libros de texto, cos libreiros cheos de traballo, cun feixe de pais que xa pagaron e levaron os libros, se anuncie a gratuidade. E que se anuncie así, polas bravas, sen dar detalles dos comos e os candos. Se tiñan idea de tomar esta medida, que lles custaba anunciala hai tres semanas?

    Non entro nas consecuencias desta medida, que non son quen a calibrar -diso saben mais editores e libreiros. O que me parece aberrante é o xeito e o momento de dala a coñecer.

  2. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    E unha pregunta: aos pais que xa adquiriron os libros con descontos (do 15%, do 25%…) que se lles vai devolver, o importe que pagaron ou o prezo dos libros? Que terán, que amosar as facturas?

  3. Louzao
    Louzao Dice:

    Tras ler a Martin Pawley, creo que non podían anunciar antes esa medida porque acaban de tomala agora mesmo. Algo había que facer para disimular o que, piadosamente, Brétemas chama “o trasacordo nos concertos coa privada”. Esta medida cumpre ben esa función, ninguén se vai parar a pensar en que van ser “gratis” tanto para as familias de alto poder adquisitivo como para as que viven na precariedade económica.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Trece millóns de euros!!!
    O Plan de mellora de bibliotecas para este curso foi en total de 250.000 euros. Se a repartimos só entre os 123.000 alumnos que se di beneficiar coa gratuidade do libro de texto: un plan de bibliotecas de 2 euros por alumno. Ao mellor aínda imos ter que gastalos en almacenar os libros de texto nos centros durante os veráns.

  5. Louzao
    Louzao Dice:

    Veño de ler o artigo de Alba Nogueira. Non atopo cualificativos que recollan a miña admiración pola calidade e claridade da análise que fai. De lectura obrigada para calquera persoa interesada na educación, na cultura e na lingua. Chegarán a lelo na Consellería?

  6. Cesare
    Cesare Dice:

    Non teño que acudir ao meu espírito francamente liberal pra amosar o meu pánico ante esta medida. O soe está dando unha sobre outra. A ver se espabilan.

  7. hojasdehierba
    hojasdehierba Dice:

    Pois… acabo de ler o artigo de Alba Nogueira e fliiiipo. “Nos fogares non non quedarán os vellos materiais como textos de consulta”?????????? Sexamos serios, por favor… Na miña vida usei un libro de primaria máis que para facer os exercicios e nunca máis aló do curso… Vexo os da miña sobriña e pensar que os poida empregar coma libro de consulta e que me da un ataque de risa.
    Por certo, poñer o centro da cuestión educativa no sector libreiros-editores non é precisamente imparcial. Algún dos mellores profesores que tiven na escola non esixían libro de texto.
    Saúdos.

  8. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    Concordo con iso que di hojasdehierba. As formas do governo do país novo foron nefastas, o fondo extremadamente discutíbel (libros gratis para os nenos dos colexios concertados que pagan bus e comedor, pero non para as familias con poucos recursos e nenos na escola infantil?), pero creo que a edición de libros de texto ten moito moito que rascar…

    E volvo insistir: supoñamos que eu merquei os libros nun Carreful deses cun 25% de desconto, pero non gardo a factura, ou fago por non gardala. Cando entregue os libros ao colexio, vanme devolver o prezo real dos libros, sen desconto? É dicir, non só non vou gastar cartos, senón que vou gañar aínda uns pouquiños?

  9. mourullo
    mourullo Dice:

    Quitado o seu exemplar seguimento do martes (onte imaxino sería un día de tolos), o artigo tamén ese mesmo día de Alba Nogueira en Vieiros e hoxe o que aparece de Xosé Manuel Pereiro tanto no diario La Opinión como no seu propio blog (e agardo que en xornal.com), sorprendeume a práctica inexistencia de artigos de opinión na prensa do país, nos xornais eléctronicos e no blogomillo, sobre esta cuestión da gratuidade dos libros de texto na Primaria, un tema de moita trascendencia polas repercusións económicas e sociais, máis aló das posicións que se teñan ao respecto, e que non atopou nos opinantes habituais a consideración que merece. Curioso.

  10. Iza Roberto
    Iza Roberto Dice:

    Dear administrator:

    Some of our comments above may include links that are no longer valid or that do not have a nofollow value. They might very well lead you today to a third party. Therefore,
    I ask you, if you would be so kind, to please delete or disregard those
    comments.

    Many thanks and best wishes,

    Iza, Roberto Iza

    Muy Señores Míos:

    Algunos de nuestros comentarios incluyen vínculos rotos que bien pudieran llevar hoy a una tercera persona. Por tanto, le rogamos, por favor, que los deseche o desestime.

    Gracias y recuerdos

    Iza, Roberto Iza

Los comentarios están desactivados.