Galego de rebaixas

O galego vende por que está nas rebaixas. Non fixo falta que a Mesa argallase unha campaña específica, como sucedía hai anos, para que moitos comerciantes empregasen a eficacia emotiva da nosa lingua como o mellor argumento para anunciar as súas ofertas desta tempada. O valor engadido e a eficacia como reclama comercial da publicidade en galego xa fora sinalada por diversas investigacións sociolingüísticas. Por fortuna, xa contamos cun número aprezable de empresas que se veñen singularizando polo emprego do galego na súa publicidade, salientando así a utilidade da lingua no eido empresarial.

Sen embargo, esta semella non ser a opinión do medio que promove a edición dos fascículos, Galicia siglo XX que apareceron onte por vez primeira nos quioscos. Unha obra moi prometedora e atractiva, dirixida polo profesor Ramón Villares e preparada por un grupo formado polos mellores documentalistas cos que contamos, como son Guillermo Escrigas e Xosé Ramón Fandiño; un proxecto editorial, de concepción moderna e divulgativa, que polo seu grande peso documental recorda ao que no seu día idearamos con Víctor Freixanes. Alén da calidade incuestionable dos contidos, nas poucas páxinas que vimos destaca o seu deseño limpo e ordenado (diferenzando xerarquías, o que é imprescindible para acceder á información nunha obra de referencia coma esta), como corresponde á concepción de Xosé Díaz, un dos grandes diagramadores e deseñadores de libros cos que contamos. En definitiva, gustounos como produto editorial, máis magoounos que, incomprensiblemente, fose editada en castelán.

O século XX foi, como sinala o profesor Antón Costa, o do emprego do galego como lingua culta en todos os eidos. Pensan os editores da obra que publicándoa en castelán contarán con maior número de lectores? Non se deberá, quizais, a unha intención, consciente ou inconsciente, de pretender rebaixar o prestixio do uso culto do noso idioma? Ou, quizais, a esoutro afán de identificar o uso do galego como unha marca de identidade política nacionalista ou de procedencia familiar aldeana, como ten sinalado a profesora Ana Iglesias na súa tese de doutoramento?

Prexuízos sobre o uso do galego, en todo caso, inexistentes para os comerciantes que o empregan para anunciar as súas rebaixas. O galego é a lingua de todos os galegos, un patrimonio común da cidadanía, tanto daqueles que o empregamos habitualmente como dos que prefiren utilizar o castelán. Mágoa destoutra oportunidade perdida para que un proxecto editorial, destinado a aumentar o coñecemento do grande público sobre a nosa historia recente, contribuíse a aumentar a autoestima sobre a lingua de todos.