Futbolistas emigrantes
O segundo encontro da selección foi, loxicamente, un chisco menos emotivo que o do debut do pasado ano, aínda que a nivel estritamente de xogo resultou moito máis rico e interesante. O combinado galego, a pesar de non poder contar con algunhas das súas estrelas (Oubiña, Aspas, Salgado ou Cabanas), empurrou cunha calidade e afouteza sorprendentes. Moi ben amparado dende a porta por un segurísimo Diego López e dende o medio da defensa por Rubén (o compostelán fixo un partido espectacular, tanto no corte como nos desprazamentos longos da pelota ao xeito inglés), durante a primeira parte o Mago Viqueira adonouse do medio do campo distribuíndo coa fineza dun artesán; mágoa que as oportunidades, que chegaron de varios centros de Trashorras, non puideran ser aproveitadas (indubidablemente, fáltanos remate). Na segunda, a pesar do gol ecuatoriano (o lanzamento da falta foi espléndido), a entrada do xove Jonathan Pereira (hoxe no Villareal, mais procedente da canteira viguesa do Santa Mariña de Cabral e do propio Celta) e de Diego Castro revolucionaron o partido coa súa capacidade de desborde e caneo. Froito dunha das súas sociedades chegou o merecido gol galego que restablecía o equilibrio dun encontro emocionante e intenso. Cando saímos de Riazor, a maioría dos seareiros non estabamos satisfeitos só polo feito de ter gozado e cantado no noso segundo amigable, se non, e isto é aínda máis importante, por ter comprobado sobre o terreo as moitas posibilidades que atesoura esta nova xeración de valiosos futbolistas galegos, a maior parte emigrantes. Que fan o Celta e o Depor que non tratan de reintegrar para o país a toda esta xente? Que lle ten que envexar Rubén a Tamas ou Jonathan Pereira a Núñez ou Nené? Acaso Viqueira non dirixiría con máis criterio e eficacia ca o están facendo os actuais medio centros do Deportivo? Mouriño e Lendoiro (ou os seus responsables técnicos) deberían tomar boa nota de todos estes nomes. Onte o fútbol –ese deporte que sempre semella representar máis que un xogo con pelota– amosouse, outra vez máis, como espello do imaxinario e do real da sociedade. Galicia segue a producir emigrantes.
Etiquetas: Fútbol, Selección_galega
Coido que o problema está no siareiro medio galego, que prefire ver un foráneo coma adestrador ou estrela dun equipo. As críticas hoxe en día a Fernando en Balaídos ou a Arsenio en tempos son inxustificábeis. Alén diso, lembren, quen relegou a Couñago, máximo goleador un mundial sub 21? Catanha….
Digamos tamén que o Ecuador foi máis rival do que fora o Uruguai hai un ano. De aí, se cadra, o resultado, xunto coa notoria falta de gol.