Felos
Onte nova presentación dos libros de Moncho (acordeime, por suposto, de Cesare, a quen lle debo en Big-Maceda a idea destas brétemas). O Castelo (un hoteliño moi cuco) encheuse a reventar. Nestas terras de Joao da Nova, Babarrro, Santiago Prol ou Francisco Carballo (entre outros escritores da Serra de San Mamede) saen estes días os felos, unha máscara xenuína, aínda que quizais non tan coñecida como as das terras de peliqueiros, cigarróns ou pantallas.
Tomando un café en Lambetadas (visita inescusable) coñecín as famosas pezas do oleiro de Tioira e souben máis sobre as andanzas destes felos. Para os macedanos as súas máscaras (semellantes na indumentaria á dos peliqueiros) son o vestixio máis antigo do entroido rural ourensán (sempre que non se que esquecesen os meus queridos troteiros). Non desfilan polas rúas, senón que corren en grupos, incansables polas aldeas da serra, en Tioira, Vilardecás, Santirso e Castro de Escuadro, animados pola mestura de viño con ovos que beben. Longa vida para os felos!!!
Esta idea non é de moita débeda, pero outra cousa si, 😉
Haberá que volver ao lambetadas. Mágoa que hoxe marcho cedo de aquí.
Moi bo o blog seguirei lendo os teus textos. Unha aperta.