Feira do libro da Coruña, primeiras impresións

Onte viaxamos á Coruña para participar na primeira xornada da Feira do Libro. A presentación do libro de Herminio Barreiro foi moi divertida. Herminio estaba moi falador e, aproveitando a presenza entre o público de Xosé Fernández Ferreiro, contou unhas cantas anécdotas dos anos de Brais Pinto en Madrid, que non aparecen no libro. Escachamos a rir cando relatou como el e Alexandre Cribeiro conseguiron levar a Reimundo Patiño a un partido en Chamartín da Copa de Europa; ou aqueloutra, máis disparatada, dunha tarde nas Ventas con Ferrín, a quen, en palabras de Herminio, “gústanlle os touros en terra de touros”. Brincadeiras agarimosas de Barreiro cos seus amigos da vida. Logo, poñéndose máis serio, Herminio contou como nunha clase de Lapesa, o famoso profesor de Lingüística relatara a dramática desaparición do derradeiro falante do idioma vegliota e como logo, cando llo contaron a Reimundo, este quedara enormemente interesado polo feito, agoirando que “algunha vez, iso lle podería suceder ao galego”.
Á noitiña volvín pola autoestrada moi desacougado. Dóeme que coa excepción dos libreiros da nación (Pedreira, Xaime de Andel, Pepe de Couceiro e Gonzalo de Cartabón), o libro en galego está practicamente expulsado das casetas da feira. Nunca vira na Feira da Coruña, menos libro galego. Un serio motivo para a reflexión sobre o sentido e o futuro destes eventos, sobre os que xa temos reflexionado noutras ocasións. Que a megafonía da carpa non se escoitase máis alá das dúas primeiras filas ou que o programa de actos (moi xeitoso, entendo tamén eu) sexa case clandestino, xa non constitúe un motivo de sorpresa. Hoxe volveremos á Feira, a participar na presentación d’ Os Grouchos e no recital narrativo e poético de Manuel Rivas. A pesar da melancolía, non desistimos.
3 comentarios
  1. Irene
    Irene Dice:

    Sr. Brétemas:

    En xullo saín a rúa para mercar un par de libros. Quizais tres, pensei. Un deles quixera que fose un Groucho e conseguino doadamente. Foi na libraría Andel de Vigo onde nun recuncho había unha pila deles case que en equilibrio inestable. Busquei algún clásico traducido ao galego. Había algúns, contados cunha man, na editorial Galaxia. Estiven a piques de coller o Molloy pero na miña cabeza soaba outro nome. Dubliners, Dubliners…

    Preguntei por el traducido ao galego e a persoa que atendía díxome que non o había e de seguido lembrou que Xerais editara hai moito tempo ese tipo de libros e que ao mellor podería atopar os sobrantes noutras librarías. Creo que estaba alí alguén desta editorial pois confirmoulle a existencia desta colección de clásicos. Logo, preguntei por outras traducións, outros libros galegos e por Cabeza de Turco. Quedei tan cansa que ó fin esquecín coller os contos de Faulkner en Anagrama, o primeiro libro que vira ó entrar.

    Non sei se é leira miña, pero ás veces, cando entras nunha libraría e pides un libro en galego te sentes como si estiveras a pedir unha exquisitez. Parece que che din “se o tes tamén en castelán por que insistes tanto en pedilo en galego?”. “Bicho raro” parece que pensan. Isto vai acompañado dunha respiración “ais, non me fagas buscar tanto por un libro en galego”.

    Foi Manuel Rivas quen dixera que os libros en galego líanse por pracer e non por convicción ideolóxica (sexas ou non dunha maneira de pensar o doutra). Eu son de familia castelanfalante e comecei a vivir en galego hai un ano. O cal me produce moitísimo pracer! As escolas dan a coñecer este pracer aos nenos, pero se na casa só se fala castelán, é moi difícil que un rapaz ou rapaza empregue o galego como lingua vehicular. Quizais na mocidade, xa con máis independencia, pode abrirse unha nova etapa…

    Poderíame dicir dalgunha libraría de Vigo onde atopar un bo surtido de libros galegos ou traducidos ó galego? E no tocante á colección de Xerais, sabe se na editorial queda algún perdido?

    Perdoe polo extenso do comentario que lle botei.

    Un saúdo.

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    O primeiriño de todo, benvido a coruña D.Manuel.Sobre o galego e a lectura en galego, sigo pensando k algo se esta facendo mal. Os nenos na escola o siguen vendo como asignatura,( e das duras).E non digamos si lles toca como mestre un “lusista” pelin radical, como lle tocou a unha filla miña, o aborrecian.Penso k co PP falabase mais normalmente, kizáis fora menos imposto k agora, e as imposicions….xa se sabe

    Un saudo
    A.Coruñes

  3. Irene
    Irene Dice:

    Quixera retificar un dato do meu comentario anterior. A libraría a cal me refiro non é Andel, senón Librouro. Non ten maior trascendencia. Corrixo por rigor.

    Un saúdo

Los comentarios están desactivados.