Esperpento no Galicia-Camerún
Porfiei e cando cheguei a Vigo dirixinme a Balaídos coa esperanza de que antes das dez (como especulaban os informadores da Galega) se acadase un acordo e se puidese iniciar o partido. Cando entrei no estadio (paseinas moradas para estacionar) pasadas as dez da noite, coincidindo coa chegada do autobús dos africanos, acouguei: os siareiros da galega (os máis numerosos dos tres encontros oficiais), a pesar da hora de espera e de que ía un frío que pelaba, non perderan a esperanza de apupar aos irmandiños sobre a lameira. Non puiden evitar emocionarme: o meu campo do Fragoso estaba precioso iluminado de azul e branco.
Porén, como era previsible, a espera, que se alongaría outra media hora máis, dinamitou a emoción e o desenvolvemento futbolístico do partido. O encontro a nivel deportivo foi moi pobre. Saíron os de Arsenio e Fernando ben colocados, amosando mellor disposición defensiva e capacidade combinatoria que habilidade rematadora (en punta fáltanos un dianteiro finalizador). Con todo, sorprendeume o bo estado de forma de Jonathan Aspas (o dono da súa banda ao longo dos noventa minutos), a autoridade amosada pola defensa na primeira parte (Rubén e Iago Bouzón anularon a mobilidade dos dianteiros africanos), as iniciais pinguiñas de perigo de Jonathan Pereira e a clase no toque dun elegantísimo Julio Álvarez (que xogador o do Numancia, mi madriña!). Tras o descanso, o carrusel de trocos galegos desfixo o ritmo e a concentración da Irmandiña, e permitiu que Camerún sacase uns pouco uns dentes que onte non quixo moi afiados (para eles foi pouco máis que un adestramento a medio gas).
O empate, a pesar do inocente penalti (moi rigoroso estivo o colexiado ferrolán) de última hora, foi un resultado equilibrado para o espectáculo rácano que se viu en Balaídos. O importante é que a Irmadiña existe para o mundo, segue invicta e demostra que temos xogo futbolístico de noso: disciplina defensiva, bo toque e capacidade combinatoria abonda para atuar (mais aínda cando poidamos contar con todo o noso potencial) a calquera outro combinado internacional.
Rematado o encontro, outra volta no coche puidemos escoitar na Radio Galega a versión de Marta Souto sobre o conflito que motivou a incrible espera dos afeccionados. Non dubido que as xestións da actual Directora Xeral para o Deporte cos xogadores africanos foron decisivas para convencelos que o partido debería celebrarse, o que todos debemos agradecerlle moi vivamente pola súa afouteza e capacidade de reacción. Mais tamén, agora coa cabeza máis fría, cómpre coñecer os termos e as razóns esgrimidas por uns e outros en tan lamentable conflito: tanto polos xogadores africanos, polo seu adestrador e pola súa federación para tratar de “xustificar” comportamento deportivamente tan indecoroso e irrespectuoso co pobo galego; como polos responsables da organización, a Federación Galega de Fútbol, que debe explicar cáles foron os termos do contrato asinado coa selección africana e as xestións realizadas para evitar a plantada camerunesa.
Os prolegómenos do Galicia-Camerún foron un esperpento que non se pode volver repetir de maneira ningunha. Estou convencido, a pesar de que xa houbo precedentes de problemas de primas en seleccións africanas, de que sería impensable nun encontro a disputar entre dous conxuntos FIFA. Debemos ser conscientes (compróbase en informacións tan lamentables como esta) que nesta fantasía marabillosa de poñer en marcha a nosa selección nacional de fútbol queda aínda moita agra por labrar.
Actualización (29-12-2008): Faro de Vigo dá conta, oportunamente, dos contidos do contrato asinado coa selección de Camerún e da participación decisiva de Marta Souto para solucionar a enleada. La Voz de Galicia e El Correo Gallego coinciden tamén no importante papel da Secretaria Xeral para o Deporte para solucionar o problema. É incomprensible, porén, que para os responsables da edición de Galicia de El País non existise nin o conflito nin, o que semella moito máis grave, o partido (nunca entenderei, fora da comprensible precariedade de medios humanos da delegación santiaguesa, a teimosía de desbotar calquera tipo de información deportiva galega, mesmo esta sobre a selección, que a todas luces ten indubidable interese social e mesmo político para o seu perfil de lectores e lectoras). Recomendo, ademais, as declaracións de Fernando Vázquez deplorando o comportamento do equipo camerunés e valorando o camiño emprendido pola selección dende hai tres anos.
Concordo en todo con vostede, agás nun dato sen importancia: N´Kono nunca foi do Coruña senón do Espanyol.
Así e todo, eu non poderei esquecer o momento do himno en San Lázaro hai dous anos: totalmente emocionante.
O de Camerún, sen palabras. Gustaríame sinalar tamén o traballo da realización da tvg durante o himno fuxindo da marea de bandeiras galegas para centrar a imaxe nas catro que había sen estrela. Sen dúbida un labor digno de profesionais independentes …
¿A ninguén lle chaman a atención as cantidades económicas das que se fala? ¡Uf!
Como di Bouzafría, no Deportivo (o de “Coruña” sóame igual que se ó Celta lle chamásemos o “Vigo”) non xogou N’Kono aínda que no seu tempo se intentara.
E sobre o de Camerún: unha pena que unha selección á que por aquí se lle tiña aprecio dende o Mundial’82 desaproveitase deste xeito a oportunidade de seguir contando coas nosas simpatías. Vese que o que lles importaba únicamente é o apartado comentado no meu primeiro párrafo.
Tocante ó partido, para min foi futbolísticamente o máis soso dos tres, pero non teño dúbida de que a culpa foi do retraso dos cameruneses.
Para a próxima, como din os místers, Brasil ou Portugal.
Saúdos.
Efectivamente, Rubén, xa moi ben advertiu Bouzafría, do meu erro. Tommy N’Kono non xogou no Deportivo, foi no Espanyol. A memoria gastoume unha mala pasada (confundino claramente con Songoo, dous porteirazos, a verdade). Non se me cabreen co do “Coruña”, é unha cuestión sentimental. Eu estudei na Laboral de Coruña e durante as tempadas 73-74 á 75-76 acudín moito a Riazor, a unha gradiña xuvenil que había nun lateral. Daquela ao Deportivo todo o mundo o chamaba así. O partido foi futbolisticamente, sen dúbida, o peor dos tres. Mais despois do que pasou, non se podía pedir máis. Brasil ou Portugal serían dous bos rivais para medirnos, aínda que moito me temo que os brasileiros (aos que tanto quero) podían montar unha enleada moito bacana.
Seguro que é así e que o de Deportivo é unha “modernidade”; heillo de comentar a meu pai que xa daquela ía a Riazor (eu empecei o ano do descenso a 2ªB no 80 ou 81) e seguro que me confirma a súa versión.
Volvendo ó partido: ¿cómo é posible que Julio Álvarez estea, se non me equivoco, no Sporting, e non no Celta ou no Dépor? Coincido con vostede, un xogadorazo.
E unha cousa máis: imaxina vostede este equipo axudado por Salgado, Oubiña, o Nacho Novo dos Rangers e o “suízo” Cabanas? Como para ter dúbidas da capacidade competitiva da “Irmandiña” (para o meu gusto, o nome escollido é pouco afortunado, pero xa pelexaremos por un cambio):
http://www.lavozdegalicia.es/
participa/2007/12/26/
01031198669423199383823.htm
¡Saúdos!
Amigo Rubén: para os de Ponferrada (e para os asturianos, anos 50: poño o meu pai de testemuña), o Deportivo foi sempre o Coruña, anos 69-73. Direi que ese cambio de denominación non só é recente senón creador de escola. Porque a miña Ponferradina de sempre (aínda que figure así nos taboleiros da prensa) é agora familiarmente a Deportiva.