Entrevista con Carlos Núñez
Óscar Otero publica un magnífica entrevista co noso admirado Carlos Núñez, o deseñador vigués creador da tipografía Gallaecia Castelo. Un auténtico tratado sobre a tipografía galega, un sinal identitario escasamente traballado. Escollo algunhas das súas reflexións que máis me interesaron:
- Estou creando un diccionario dende fai catro anos sobre a tipografía histórica, a caligrafía galega e europea, as artes gráficas e o deseño. […] En Galiza para recuperar unha máquina do século XVIII e poder crear un museo de artes gráficas, recuperar documentos antigos ou montar calquera outra cousa fai falta un milagre.
- A caligrafía é como a música: algo de ADN hai que ter.
- Un abecedario é unha filosofía, un comportamento de vida estético, é dicir: un ‘a’ de Bodoni non é un ‘a’ de Morris nin un ‘a’ de Gill porque expresa unha emotividade diferente. Expresa un estado de ánimo e unha filosofía distinta. Por iso, a maioría dos creativos, dos deseñadores, en canto o tema tipográfico din “pois eu utilizo esta porque me gusta moito” ou “que bonita é esta letra”. A palabra “bonito” debería estar desterrada. Unha cousa pode ser útil, ter forza, débil, amorosa, agresiva, sanguinaria… pero a palabra “bonito” non di nada. A maioría dos deseñadores non teñen nin idea de tipografía porque non hai unha educación tipográfica, non hai unha educación caligráfica, non funciona o ADN.
A última reflexión que sinala paréceme das máis notábeis da entrevista, unha manifestación “amorosa” e “paixonal”, que non “bonita” cara á súa profesión.
E para ÓScar, de novo, parabéns!!!