«Declaración dos Dereitos Humanos», sesenta aniversario
Conmémorase, mañá, 10 de decembro, o 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con este motivo, a partir das 20 horas, celebrarase un acto cívico, no Auditorio do centro Cultural Caixanova de Vigo, no que ademais será presentado o volume Literatura Galega pola Paz coa que se pecha a triloxía Educación e Paz, coordinada por Xesús R. Jares.
Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e a agrupación dos Mestres da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo (e-Trad), interpretará diversas pezas. Ademais, intervirán algúns dos narradores e poetas participantes no libro (Agustín Fernández Paz, Francisco Castro, María Reimóndez, Obradoiro Gianni Rodari, An Alfaya, Antonio García Teijeiro, Román Raña e Fran Alonso). Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Hai dez anos, con motivo do cincuenta aniversario da Declaración, Xesús R. Jares publicou na Biblioteca Didáctica de Xerais, Educación e Dereitos Humanos. Estratexias didácticas e organizativas. Aquel libro converteuse ao longo desta década en referente na abordaxe educativa do articulado da Declaración Universal, e os pactos, convenios e declaracións que a desenvolven, como o reto fundamental co que se atopa a humanidade no futuro inmediato.
A Concellaría de Educación do Concello de Vigo (unha das organizadoras do acto, xunto a Xerais e Educadores pola Paz) tivo a magnífica iniciativa de editar unha pequena publicación, que todos os asistentes terán súa disposición, na que se inclúe o texto da Declaración, precedido de dous textos introdutorios, o primeiro de Laura López Atrio, concelleira de educación, e o segundo, do propio Xesús R. Jares, extraído da obra á que antes facíamos referencia.
Xesús R. Jares afirma neste texto que «o papel da educación debe supoñer un proxecto pedagóxico integrado que incite a vivir e a gozar os dereitos humanos, pero tamén a fomentar un estado de opinión que leve a pensar que calquera violación destes en calquera lugar do mundo non nos pode resultar allea e que, por conseguinte, a responsabilidade de evitalo a todos e todas nos incumbe».
Así tamén o recorda o preámbulo do propio documento no seu parágrafo final: «a presente Declaración Universal dos Dereitos da Persoa é un ideal común polo que todos os pobos e nacións se deben esforzar, para que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constatemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais».
Ao inicio e ao remate do acto será proxectado un vídeo-semblanza (preprado por Paco Vilabarros) de Xesús R. Jares, a quen os organizadores dedicamos unha saudosa lembranza.