BREIZH. UNHA NACIÓN ESGAZADAViaxamos en coche, durante unha semana por
Breizh, esoutra Fisterra do norte que todo galego leva dentro (Cunqueiro dixit!). A recente relectura de
L’ affiche rouge e o traballo de edición hai catro anos do
libro de conversas con Carlos Núñez aviveceron a nosa curiosidade por percorrer os vellos camiños da península de Armórica. Fóra de alimentar e desmitificar mitos celtistas (dos que somos razoablemente escépticos), a viaxe foi gozosa, moi intensa visualmente, ademais de resultarnos clarificadora sobre a situación dunha nación esgazada polo estado francés en dúas rexións administrativas, a de “
Bretagne“, con capital en Roazhon (
Rennes), sobre tres millóns de habitantes, e a “
Loire-Atlantique“, con sede en Naoned (
Nantes), e cun millón cen mil habitantes. Unha ruptura en duas rexións administrativas que supón que á Bretaña fáltalle unha quinta parte do seu territorio (en total 34.281 km2), un terzo da súa poboación e, o que é aínda máis importe, case a metade do seu
PIB.
Os bretóns (moi orgullosos do seu país) amosan un forte sentimento identitario nacional, a pesar das diferenzas e fragmentacións existentes no seo do
movemento político bretón como de que a súa lingua céltica (o
brezhoneg falado de forma cotián por case 300.000 persoas) non posúe aínda un recoñecemento institucional semellante ao acadado polo galego, éuscaro ou catalán. O esforzo dos colexios
Diwan (onde estudan uns dez mil alumnos e alumnas en bretón), a reivindicación lingüística promovida polo movemento
Stourm ar Brezhoneg (Combate pola Lingua Bretoa) ou o esforzo dos eescritores e ditores bretóns (publican anualmente varias decenas de títulos, dirixidos sobre todo aos nenos e mozos), tentan abrir vieiros de esperanza para a recuperación da lingua e cultura bretoas (no marco da
Carta europea das linguas minoritarias). Esta frase do escritor
Yann-Bêr Piriou paréceme moi significativa deste combate lingüístico bretón: “Kement ger, kement lavar en hor yezh zo un akt a feiz en amzer da zont” (“Cada palabrra, cada frase na nosa lingua é un acto de fe no futuro”).
A pesar das dificultades, o movemento a prol da recuperación do bretón vai gañando algúns espazos. Sobre todo no departamento de
Finistere xa é adoito atopar a sinalización dos topónimos en bretón e en francés. Algúns políticos, como
Jean-Yves Cozan (chegou a ser vice-presidente da Region de Bretagne e aparece fotografado con Carlos Núñez no seu libro de conversas) promoven accións decididas a prol da cultura bretona como a creación da
Oficina da lingua bretona,
organismo de planificación lingüística cofinanciado pola Region de Bretagne e polo estado francés con
oficinas abertas en Rennes, Carhaix, Nantes e Plomeur.
Expresión deste esgazamento é a actual bandeira nacional (
Gwenn ha du), creada en 1925 por Mor Van Marchal. A bandeira branca e negra –moi presente en institucións públicas, en moitas edificaciós privadas, en todos os actos culturais e primeiro souvenir do país– é considerada de forma unánime como o símbolo da identidade política e cultural bretona. Con todo, na nosa viaxe puidemos observar que o maior pulo da cultura bretoa reside no desenvolvemento da cultura marítima e do folclore (danzas, música, gastronomía, traxe e arquitectura).
Comentario á parte merecería o mito intercéltico da
Keltia, moi presente nalgúns círculos culturais bretóns. Keltia estaría constituída hoxe polas seis nacións celtas modernas (Escocia, Mann, Irlanda, País de Gales, Cornualles e Bretaña). Dezaoito millóns de celtas europeos, que ocupan o noroeste de Europa entre os paralelos 47º e o 61º, e entre o 1º e o 11º meridiano. Á beira desta rede central de seis países celtas, existiría para os keltistas un segundo círculo de países celtas onde a poboación reinvindica raíces celtas mais ou menos importantes. Este sería o caso da
Bohemia e, sobre todo de Galicia, Asturias e a provincia portuguesa do Minho.
Ao longo de toda a viaxe quedei coa dúbida de se este modelo bretón de nación esgazada non será o que lle poida agardar á nosa no futuro.