Canles 5

A imaxe de Canles 5 (Xerais 1988), o primeiro libro de texto en galego que recibiu o Premio nacional a material didáctico non sexista «Emilia Pardo Bazán» do Ministerio de Educación, lémbrame a retranca coa que Agustín Fernández Paz, director do proxecto xunto con Xosé Lastra Muruais, celebraba o curioso incidente entre a oración principal e a oración subordinada recollido na primeira edición d’ O noso galego 6. Os camiños da comunicación (Xerais 1981) do colectivo Avantar, o primeiro libro de texto aprobado pola comisión mixta Xunta de Galicia e Ministerio de Educación, tamén un dos primeiros de Xerais, que se estreara en 1979 co manual de Matemáticas de 1º de BUP de Vacaloura. Aquela imaxe do crego de pé e o labrego axeonllado, audaz ilustración para representar un contido gramatical, fora sen dúbida outra das brincadeiras do debuxante, o xenial Chichi Campos, un dos talentos do humorismo gráfico galego daquel tempo. Por ventura, a «ilustración sintáctica» recibira só algunhas protestas, mais provocara moitas máis gargalladas nas aulas. Así se facían na década de 1980 aqueles primeiros manuais de galego, dos que apenas existían os precedentes editados da serie «Lúa nova» de Anaya, promovida polo editor Xulián Maure, e «As nosas letras» de Xoán Babarro de Edicións Casals. Un traballo entusiasta e febril, artesanal e militante, co que os dez membros de Avantar da Ferrolterra pretendían «sistematizar o que eran as súas experiencias de aula partindo do coñecemento e cultivo da lingua galega». Entendo que catro décadas despois a aquela edición heroica da primeira serie «O noso galego» acáelle o que Albert Camus acuñara no seu discurso de agradecemento do Nobel: «cada xeración síntese condenada a reformar o mundo». Os membros do colectivo de Avantar, responsables tamén de Canles 5, foron fieis a esa condena: teimaron reformar o ensino por dentro e por fóra, iniciando o camiño da escola en galego e conseguindo a proeza de recuperar as luces da escola das bolboretas da República, prendidas co inicio do período autonómico, como os valores da escola pública galega e os da incorporación da nosa lingua como vehicular no ensino obrigatorio.

Publicado no libro catálogo da exposición Educación, Xénero e Lectura. Conformar, Reformar, Trasnformar, comisariada por Rita Gradaílle Pernas e Antón Costa Rico para o Museo Pedagóxico de Galicia (2024).

Oficio de edición

Italo Calvino confesou que traballando nunha editorial «se lle volve a un o corazón de pedra», «alí un remata por non sentir nada, por asumir unha máscara de cinismo». Afirmacións con intención de desmitificar o oficio de edición, que exerceu durante tres décadas en Einaudi editore, mais que no fondo reflicten algo que sabemos todos os editores: o noso é un oficio que, en termos xerais, provoca máis antipatía que simpatías, no que se combinan algunhas xornadas de gozo con moitas outras de melancolía. Pola súa natureza de actividade de mediación lectora, a edición achega máis insuficiencias ca satisfaccións, xa que ademais de desenvolvela na oficina, obriga a quen a exerce a participar nas políticas culturais do seu tempo. O editor escolle, filtra e coida os textos; conversa e acompaña aos autores e autoras, mais tamén se compromete no devir da sociedade da que forma parte. Velaí como no caso galego, non hai posibilidade de edición, se non existe un compromiso inquebrantable coa causa resistente da lingua e da propia nación. Certo é que no oficio existen criterios e estilos diversos para desenvolvelo, aínda que todos estean condicionados polas cifras dos custes editoriais e das vendas libreiras, xa que se as edicións non se venden, non hai retorno posible para continuar publicando outras novas. Con todo e volvendo ao Calvino editor, o anterior ás Leccións americanas (Kalandraka 1999), asumo que continúan sendo útiles os seus tres criterios para valorar se un orixinal merece ser publicado: acreditar se posúe unha linguaxe de seu, xa que editamos textos; identificar se posúe unha estrutura, xa que publicamos libros; acreditar se amosa algo, a ser posible algo novo, xa que ofrecemos novidades ou recuperamos a memoria literaria. Xaora, sexa utilizando os criterios de Calvino ou non, comparto o que escribiu o editor Constantino Bértolo en Una poética editorial (Trama 2022): «no oficio de edición hai que desvelarse por achegar, por intervir, por contaxiar» entusiasmo.

Publicado en Nós diario: 28/02/2024

Libro híbrido

Convidado por Galix participei nas xornadas sobre a Lix e os novos soportes de lectura. Unha oportunidade para reflexionar sobre o estado do proceso de tránsito da comunicación textual, no que dende hai tres décadas conviven o modelo analóxico e o dixital, así como sobre os conceptos de libro e de lectura. Superadas as profecías milenaristas que agoiraban a desaparición do libro en papel, definido (dende a invención de Gutenberg) polas características do seu soporte (un número determinado de follas impresas e encadernadas), as novas tipificacións salientan que o libro híbrido é unha orde de palabras e textos escritos ou hipertextuais creados para a súa lectura. Decodificación, que fai da lectura o eixo central do novo paradigma da hibridación da comunicación. Lectura sobre papel ou sobre as pantallas dos formatos máis diversos –que non debe ser identificada como un hábito de lecer de minorías seducidas polo goce das obras literarias impresas–, na medida que é unha competencia cidadá interxeracional, imprescindible para comprender e participar nun mundo saturado de textos impresos ou electrónicos, boa parte lixo ou de procedencia dubidosa. Lectura, concibida como ferramenta crítica, vinculada no caso galego, aos procesos de alfabetización informacional (Alfin) e normalización lingüística, cuxo fomento entre todos os segmentos sociais e de idade debería transformarse na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. Novos significados para o libro e a lectura híbrido que mudan o papel das escritoras e editoras, centradas agora sobre a creación, produción, distribución e promoción de contidos culturais ou informativos escritos ou multimodais, como das bibliotecas, o servizo público especializado no acceso da cidadanía á lectura, no caso escolar, a primeira aula de cada centro educativo. Como neste novo tecido lector mudan as mediacións, presenciais e virtuais, sexan da crítica, da libraría ou das redes sociais.

Publicado en Nós diario: 24/01/2024

Detrás de PISA

Nos resultados do informe do Programa para a Avaliación Integral do Alumnado (PISA) 2022, Galicia encabeza os rendementos medios estimados no ranking de Ciencias, situándose por riba do termo medio de España, UE e OCDE tanto en Matemáticas como en Lectura, a pesar de empeorar, como o resto das comunidades e dos estados, nas puntuacións das tres competencias, probablemente polo impacto da Covid_19 nos peches escolares. Datos aos que se podería engadir que no que respecta a equidade, en Galicia as rapazas obteñen mellores resultados en Lectura e os rapaces en Matemáticas e Ciencias; ademais de acadar mellores niveis o alumnado dos centros privados ca dos públicos. Un retrato educativo (moi difundido nas tertulias dos medios e utilizado polas administracións educativas para avaliar as súas políticas) obtido cunha mostra de apenas 1.824 alumnos e alumnas de 15 anos de 58 centros galegos que reflicte os resultados dun test, dunha proba estandarizada, (polo tanto un indicador cuantitativo), que imita ao SAT (a selectividade estadounidense), pesada e pouco motivadora (con formularios de case 60 preguntas), deseñada, administrada, corrixida e difundida pola empresa norteamericana Pearson (líder mundial de materiais educativos e testing), que coas súas moitas limitacións pode servir para identificar tendencias mais nunca como proba irrefutable do estado, funcionamento, eficiencia e equidade dos nosos sistemas educativos. Non nos enganemos, PISA non avalía o estado real da nosa educación, das nosas escolas e institutos, cuestións para ás que cumpriría coñecer o clima escolar, a dotación dos centros, a organización docente, a contorna familiar e cultural, como as propias políticas educativas públicas. O éxito de PISA reside en que os seus resultados se publican en forma de ranking, de táboa clasificatoria, como se de competicións deportivas se tratase, identificando así a mellora da educación co ascenso nestas clasificacións nas que se identifica o «éxito educativo».

Publicado en Nós diario: 13/12/2023

Llegim!

O Consell de Govern da Generalitat de Catalunya do 14 de xullo aprobou «Llegim!», plan nacional do libro e da lectura, froito dun proceso de diálogo e planificación compartido polas consellerías de Cultura e Educación, no que participaron os membros do Consello nacional de lectura pertencentes a un cento de entidades públicas e sectores culturais e educativos privados. Dotado con 58 millóns de euros, Llegim! asume como obxectivos xerais que en 2030 o 76 % da poboación catalá maior de 14 anos lea un libro cada trimestre, o 65 % lea unha vez por semana e que o 40 % lea en catalán. Un plan artellado arredor de catro eixos de actuación (Fomento do hábito lector, Dereito á lectura e atención á diversidade, Soporte ao ecosistema do libro e Gobernanza) que inclúe tanto o diagnóstico nunha ducia de ámbitos relacionados coa lectura e a industria do libro como 73 actuacións concretas, con cadanseu orzamento, calendario de execución e indicadores de seguimento e avaliación. Dende Galicia máis ca dotación e concreción  orzamentaria asumida, chama a atención do plan de lectura catalán o seu novidoso enfoque transversal e interdepartamental, xustificado por unha actualización da definición de lectura, que non pode quedar hoxe reducida aos  libros e textos escritos e obriga a recoñecer a diversidade de contornas, contidos e formatos do feito lector contemporáneo. Como provoca envexa o procedemento participativo e consensuado co que foi elaborado, que lembra ao utilizado hai vinte anos cando se xestou a modélica Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia que, por certo, a este teor establecía no seu artigo nº 4 a «elaboración, con audiencia aos axentes do libro, ou en colaboración con eles, de plans e programas de actuación anuais ou plurianuais», e na disposición adicional primeira a obriga do goberno de presentar no Parlamento nun prazo de seis meses un plan de fomento da lectura, compromiso, coma tantos outros daquel modélico e pioneiro texto, que quedou en augas de bacallau.

Publicado en Nós diario: 16/08/2023

Novela de praia

Espallouse por Twitter unha curiosa oferta de libros usados baixo a etiqueta de «novela de praia». A pesar de parecerme un pouco caro o saldo destes libros a granel, tres euros un exemplar, cinco por dous, divertiume que o alfarrabista anónimo crease unha tipoloxía de edición, que permanecía inédita, sen encomendarse ao criterio de academia crítica ningunha ou sequera emulando a promoción do márketing dalgunha editora inconformista coa visibilidade do seu catálogo. Porén, o que máis me gustou do caso é que a recomendación de levar novelas á praia fose utilizada poucos días despois na rede de Musk para animar á lectura (e compra) dunha recente novela galega «ben escrita e con moito humor», coincidencia probablemente só atribuíble as sereas do azar. Emporiso, anunciamos que a «novela de praia» chegou a literatura galega, que non vai ser todo «novela negra», e como outros fenómenos da nosa contorna editorial, por cativo que sexa o seu mercado, terá vontade de continuidade. Con semellante precedente imaxino que as editoras galegas de referencia terán en conta este nicho de mercado na preparación dos seus futuros plans editoriais, como xa teñen asumidos os lanzamentos de nadal ou letras galegas. Fóra da brincadeira desta coincidencia, a serendipia amosa o perigo de utilizar etiquetas para a produción editorial, máis aínda da literaria, que poden chegar a confundir aos públicos lectores. Claro está que non hai razón ningunha para que as novelas lidas na praia sexan apenas produtos de lectura ou libros artisticamente menores. As novelas de praia son as que as lectoras deciden levar ao areal, un espazo lector para calquera tipo de textos e soportes. Recomendo ler na praia, e facelo da forma máis confortable que coñezo, empregando cadeira, parasol e a protección solar necesaria. As editoras galegas continúan ofrecendo unha oferta moi diversa de novidades de novelas ben escritas, con humor, intriga, reflexión, memoria, emoción… para gozar tamén nos nosos areais.

Publicado en Nós diario: 19/07/2023

Un libro na man

Coincidindo coa publicación do Manifesto da revista Luzes do mes de maio dedicado á precaria situación do libro galego, Manuel Rivas lanzou nas redes unha iniciativa viral baixo a consigna: «A mellor protesta, un libro na man». Dende entón foron numerosas as fotos  de persoas erguendo un libro coa intención de expresar o seu malestar pola ausencia en Galicia de políticas sobre o libro e a lectura e apoiar así a un sector (autorías, editoras, impresoras, librarías, bibliotecas e mediadoras), que foi o gran esquecido do goberno galego durante unha «década escura» para a lingua nosa. Imaxes de libros galegos en alto que expresan, ademais, a biodiversidade dunha oferta editorial, cada vez máis ampla e coidada, como o carácter insurxente do libro como ben cultural e crítico e perturbador da lectura como actividade individual (artística, formativa e informativa) con dimensión cívica e transcendencia política. Iniciativa que reclama a recuperación daquel amplo espazo de acordo (sectorial e político) acadado hai dúas décadas e recollido logo na Lei do libro e a lectura (2006). Consenso que os gobernos de Feijoo e Rueda desandaron, amparados nos recortes esixidos pola crise de débeda e logo polas penalidades da pandemia. E así, reduciron con contundencia (nalgúns casos até nun 80 %) os fondos destinados ás políticas públicas de lectura e de fomento do galego, con especial incidencia para os programas de adquisición de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas e de apoio a edicións de interese cultural e social. Hoxe o libro galego precisa saír do gueto no que pretenderon arrecunchalo, recuperar a presenza e brillo nas librarías, medios e redes, incrementar os índices de vendas e de lectura, proxectar a exportación das súas creacións… En resumo, precisa recuperar o seu carácter estratéxico, como primeira industria cultural en galego. Reclamalo empuñando un libro constitúe unha protesta pacífica até o lirismo. Convido a compartila coa etiqueta #UnLibroNaMan.

Publicado en Nós diario: 21/006/2023

A escola do Faro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo ao proxecto editorial Faro da Escola:

Teño participado en moitas entregas de premios, mais ningunha tan concorrida e participada polo público infantil como a que vivín o pasado 13 de xuño nas bancadas do pavillón municipal de Travesas, que pechaba a oitava edición de Faro da Escola, o proxecto editorial de Faro de Vigo que achega ao mundo da prensa aos centros educativos da provincia de Pontevedra, con especial incidencia na área metropolitana de Vigo, Pontevedra e Deza. Máis de 1.600 escolares e un cento de profesoras dos 47 centros educativos de Primaria, que publicaron este mes cadanseu faro, participaron nun acto, iniciado con moita música de moda (aspecto a mellorar, dende o punto de vista educativo, en edicións futuras) e coa acollida agarimosa do director do decano. Unha mañá de festa e moitas  fotos na que se recoñeceron os tres mellores periódicos escolares deste curso 2022-2023, tamén as tres mellores entrevistas, portadas, seccións de opinión, investigacións empregando a hemeroteca, reportaxes, fotografías de interior e portada, infografías, deseño, tira cómica, suplemento, pasatempos, entre outras modalidades e categorías deste singular certame de prensa escolar.

Unha entrega coa que remataban os case oito meses de traballo nas aulas necesarios para a elaboración integral do faro anual de trinta e dúas páxinas de cada centro. Tarefas iniciadas no mes de outubro co período formativo do alumnado e profesorado participante, a cargo dun equipo de profesionais de Faro de Vigo, que desprazados aos propios centros desvelaron os segredos da preparación dun xornal, tanto os referidos a planificación e distribución dos seus contidos, como da súa redacción e maquetación, empregando Scribus, a potente ferramenta coa que se fai o xornal. Unha escola de xornalismo infantil, polo tanto de escritura crítica e pegada ao cotián, que como corresponde ao actual proceso de hibridación da prensa utiliza soportes diversos, tanto impresos como dixitais. Unha escola de comunicación escolar que salienta o valor das imaxes (ilustracións, infografías e fotografías) que acompañan os textos das noticias, reportaxes ou entrevistas, nin esquece tampouco a relevancia dunha publicidade atractiva e da súa xestión para facer viable a publicación. Formación que o alumnado participante no proxecto completou nas visitas durante o inverno ás instalacións do xornal en Chapela e nas conferencias nos centros do persoal do CSIC e de autoras e autoras de literatura infantil de Xerais, entidades colaboradoras.

Unha escola a do Faro que promove o traballo colaborativo, tanto do equipo docente de cada centro como do alumnado de cada aula, planificado co obxectivo de elaborar un produto textual e gráfico do que todos os participantes se senten orgullosos e responsables. Unha tarefa xornalística, que ademais desta cooperación imprescindible, obriga aos escolares a poñer a proba a súa curiosidade e as súas competencias na localización e recollida de información en fontes diversas e fiables, utilizando nesta investigación tanto a dispoñible na propia hemeroteca do Faro (unha experiencia lectora extraordinaria), a existente na rede, na biblioteca escolar como na comunidade escolar e veciñal. Unha excelente oportunidade para que o alumnado realice un exercicio de lectura  e escritura crítica, o que esixe valorar e diferenciar en cada un dos textos o gran da palla, o que son noticias do que son falsidades, trolas ou dixomedíxomes. E, o que aínda é máis importante na construción do pensamento crítico e científico do alumnado de Primaria, obriga a debater e a argumentar, tanto oralmente como cando se redacta, empregando cada vez estruturas máis complexas e vocabulario preciso.

O Faro da Escola, pois, proporciona aos centros escolares de Primaria a posibilidade de achegamento directo a cada un dos xéneros periodísticos e propón que, utilizando as ferramentas do xornalismo actual, cada escola viva a experiencia de transformarse na redacción dun xornal que ao longo de todo o curso dialoga coa actualidade da contorna para informar a súa comunidade educativa. Seguido cada martes nas excelentes páxinas do suplemento Faro da Escola, este triunfante proxecto editorial e educativo, lembrounos as páxinas dos suplementos pioneiros A Pizarra, dedicado a información e opinión sobre temas educativos, e O Pizarrín, a contidos de literatura infantil e xuvenil, que Faro de Vigo comezou a publicar en galego en setembro de 1983, espazos ambos os dous onde tivemos a fortuna de comezar entón a publicar os nosos primeiros artigos naquel Faro da movida dirixido por José Armesto Faginas. Parabéns para o equipo de profesionais de Faro que cada curso fai máis atractiva e potente a experiencia educativa do Faro da Escola.

Lectura cidadá

A lectura é unha competencia cidadá imprescindible para o exercicio da cidadanía e para a autonomía persoal no entorno dixital actual, ademais dunha destreza escolar con dimensión cultural. A lectura impregna as nosas vidas. A diario a vida está chea de transaccións escritas, polo que nunca foi tan necesaria unha boa competencia lectora para afrontar os retos do cotián. Comprender os textos que atopamos na rúa, no transporte, nos comercios, na publicidade, nas máquinas e pantallas ou nas redes sociais esixe moito máis que identificar as súas letras e palabras; debemos coñecer as súas funcións, valores e usos sociais e aprender a apropiarnos delas para poder comprendelas de forma crítica. Somos letradas sofisticadas, que lemos tanto sobre soportes impresos e múltiples pantallas como textos multimodais (escritura, vídeo, audio…) e ao tempo plurilingües. Cómpre xaora alfabetizar a cidadanía, por riba da súa idade, no emprego das ferramentas dixitais para evitar a exclusión dos sectores máis vulnerables. A lectura non pode ser consideraba só como o acceso aos libros duns poucos afeccionados á novela ou a poesía, é unha cuestión política, que afecta á calidade de vida da cidadanía toda e, así, debe ser considerada polas administracións públicas. Empregar textos simplificados (lectura fácil), accesibles a todo tipo de lectorado vulnerable (persoas con discapacidade, con trastornos de aprendizaxe ou escasas habilidades lectoras…) constitúe tanto unha estratexia de acceso de xeito comprensible á información, á cultura e á literatura como un dereito cidadán irrenunciable. A aposta por esta estratexia inclusiva nos plans lectores dos concellos, xunto ás políticas de fomento da lectura para todas as idades, á calidade das bibliotecas e apoio ás librarías locais e á lectura en galego, deberían constituír nos concellos prioridades vinculadas ás políticas culturais, educativas, de igualdade e benestar.

Publicado en Nós diario 24/05/2023

35 % LIX

Ás portas da celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) cómpre salientar que a LIX é o primeiro piar da edición en galego, xa que en 2021 supuxo o 35 % da facturación do sector (5,8 millóns de euros), o 36 % dos títulos publicados en galego polas editoras da AGE (278) e o 33 % do catálogo dispoñible en galego nas librarías (5.466 títulos). Cifras que amosan un crecemento sostido e continuidade da súa dependencia da rede de distribución escolar. Consolidación á que non foi allea a diversificación e excelencia dun catálogo que ofrece tanto álbums e libros ilustrados de xéneros, temáticas e formatos diversos, como lecturas de ficción nas clásicas coleccións graduadas das editoras xeralistas (Merlín, Sopa de libros, Árbore, Meiga Moira, Oqueleo, Fóra de Xogo, Costa Oeste…), recomendadas nos centros escolares e apoiadas pola presenza de autores e autoras ou espectáculos de mediación. Oferta alentada dende hai anos por editoras con vontade de especializarse en LIX, como Kalandraka e OQO, fenómeno emulado nos últimos pola aparición de novas editoras ou selos con semellante vontade, como Bulubú, Triqueta verde, Patas de peixe, Cuarto de inverno, Aira editorial ou Verdemar, entre outras. Anovación que detectamos tamén no catálogo de autorías e de obras premiadas nos concursos para textos inéditos, como na ampliación do interese da maior parte das editoras polo libro de non ficción e polo cómic e banda deseñada. Xaora, a chave do sector infantil e xuvenil galego continúan estando na súa capacidade para ofrecer lecturas valiosas e atractivas en galego que contribúan dende as primeiras idades á formación dun lectorado que en contadas ocasións a emprega de forma habitual. Con todo, o futuro da nosa LIX pasa por unha atención preferente ao lectorado neofalante como á formación do lectorado literario adolescente, tarefas nas que editoras, autorías e instancias mediadoras (bibliotecarias e profesorado) deben compartir unha estratexia entusiasta.

Publicado en Nós diario: 29/03/2023