Onte 1522: Culturgal 2015 listo

culturgal_2015

Despois de moitos meses de preparación onte quedaron aqueladiño os espazos do Culturgal 2015. Estamos moi ilusionados e á espreita. Contaremos con case un cento de expositores e un programa con cento cincuenta actividades literarias, musicais, audiovisuais, dixitais, formativas e lúdicas para todos os públicos. Inevitablemente, montaxe tan complexa como a preparada polo equipo que dirixe Xosé Aldea produce certa vertixe. Xaora, confiamos en que o espírito de entusiasmo contaxioso de Culturgal axudará a resolver continxencias e superar desacougos. Agardámosvos cos brazos abertos. Seguimos.

Onte 1520: Día da dignidade

rosa_parks

Fixéronse onte sesenta anos daquela proeza histórica de Rosa Parks que se negou a deixar a un branco a súa cadeira no autobús. Un comportamento que se forxou como modelo de dignidade, axudando a superar comportamentos e prexuízos racistas e a establecer modelos de igualdade real. Unha desas poucas accións históricas individuais que axudan a mudar ao mundo no horizonte da esperanza. Onte lembramos aquela manifestación de 2002 en Compostela, onde cada un dos nosos paraugas contribuíu a caligrafar o sintagma Nunca mais, que dende entón expresou a indignación dun país disposto a saír do seu silencio conformista. E onte tamén lembramos a Eduardo Blanco Amor no trinta e seis aniversario do seu pasamento, unha figura literaria e humana que (por ventura!) cada ano vai recuperando o seu valor de xigante da literatura galega. A coincidencia desta efeméride coa entrega do premio que leva o seu nome, que nesta edición correspondeu ao noso admirado Xavier Queipo, é outra excelente noticia deste 1 de decembro. Unha data a que ben acae gardala no calendario como «día da dignidade».

Presume de Culturgal

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Culturgal 2015 que abre as portas o vindeiro venres.

culturgal_2015_01-12-2015

Esta fin de semana celebrarase Culturgal 2015. Do venres 4 ao domingo 6 de decembro xuntaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de medio milleiro de creadores e creadoras para desenvolver cento cincuenta actividades e tres grandes exposicións; mentres que oitenta entidades expositoras, entre empresas privadas e institucións e entidades públicas, presentarán nun cento de stands as súas novidades e servizos recentes a 15.000 persoas, no que xa é o maior evento anual da cultura galega. Entusiamo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que tras a súa continuidade en Pontevedra, sempre na primeira fin de semana do mes de decembro, conseguiu devagariño crear unha nova tradición no calendario cultural galego e funcionar coma un escaparate das novidades dos sectores da nosa cultura (libro, disco, cine, teatro, cultura dixital e artesanía), mais tamén como un punto de encontro e interacción transversal dos seus profesionais e dos seus públicos.

Organizada pola asociación Culturgal, integrada por cinco asociacións empresariais dos sectores das industrias culturais, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Músicais (AGEM), Escena Galega (teatro), EGANET (empresas galegas dedicadas a internet e novas tecnoloxías) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contando co patrocinio principal de tres entidades públicas (Xunta de Galicia, a través de AGADIC; Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra), que achegan o sesenta por cento do seu orzamento, tras oito edicións, Culturgal madureceu consolidando un modelo de xestión baseado nos principios de corresponsabilidade, profesionalización, calidade, transparencia e participación. A intensa colaboración intersectorial das asociacións, o apoio das administracións públicas, gobernadas por diversas cores políticas, o esforzo hercúleo, o rigor e a austeridade da xestión do evento artellado por un pequeno equipo de profesionais, dirixido nas tres últimas edicións por Xosé Aldea, son outras claves do éxito dunha feira cultural que quixo reinventarse en cada edición coa intención de sorprender aos seus públicos e ofrecerlles melloras na súa experiencia persoal.

No entorno da crise interminable que afectou de forma brutal a todos os sectores da industria cultural, tanto pola diminución do consumo privado, polas mudanzas e incertezas provocadas pola hibridación dixital como pola inevitable rebaixa das achegas dos poderes públicos, Culturgal apostou pola estratexia do estorniño, esa solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade de Culturgal, que ademais de contar coas colaboracións intersectorial e interinstitucional, procurou a dos propios públicos, a primeira razón de ser desta feira, establecendo de forma pioneira en Galicia unha entrada de pagamento para este tipo de eventos culturais (2 euros por día, 3 euros para todo o evento, 1 euro por día para os nenos e nenas entre 3 e 12 anos e 2 euros para todo o evento). E abofé que na pasada edición as respostas dos públicos, tanto o familiar como os especializados e profesionais, non puido ser máis xenerosa e comprensiva, converténdose nun importante motor para acadar a sostibilidade económica deste modelo.

Outras mostras do espírito anovador de Culturgal foron nas últimas edicións a inclusión no programa de actividades infantís dun apartado específico dedicado a bebés e nesta dun espazo específico dedicado ao xogo dos máis novos; o establecemento de liñas transversais da programación, o pasado ano a cultura gastronómica, nesta a posta en valor da cultura da palabra; a ampliación dos espazos formativos e de encontro intersectorial, que este ano suporá un encontro de profesionais da escena e outro de editoras e produtoras cinematográficas; a creación do Premio do Público Culturgal, outorgado por votación popular en internet por milleiros de persoas, que nesta edición 2015 correspondeu a Curtocircuito Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela; e a incorporación das artes plásticas por medio dunha gran exposición patrocinada pola Deputación de Pontevedra, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, baixo a denominación de “Somos espazo”, ocuparase das simbioses creativas entre arte e arquitectura.

Se non abondase, nesta edición a feira presentará un novo deseño espacial co que se pretende facilitar a circulación e satisfacción do público e unha mellor visibilidade para todos os expositores. Eis o lema desta edición “Presume de Culturgal”. Cando apenas quedan un par de días para abrir as súas portas convido a compartir o entusiasmo destoutro Culturgal en man común.

Onte 1509: Gala do Libro Galego

AELG-AGE_FLG.20-11-2015

O anuncio que onte fixeron os responsables da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editores (AGE) e da Federación Librarías de Galicia (FLG) da celebración da Gala do Libro Galego o 14 de maio de 2016 constitúe un fito histórico. Unha iniciativa colaborativa enmarcada nun acordo máis amplo de traballo dos axentes do sector do libro galego, ao que se considera estratéxico para o país e cun papel fulcral na normalización cultural e social do noso idioma. O feito de convocar uns únicos premios, con 14 modalidades, outorgados coa participación dos membros das tres asociacións convocantes facilita un salto de xigante para a visibilización e recoñecemento social do sector da creación literaria, a edición e a libraría galega. As dúas iniciativas de colaboración intersectorial presentadas esta semana, a Gala do Libro Galego e a programación de Culturgal, amosan que con estratexias colaborativas, xenerosidade, responsabilidade e altura de miras é posible enfrontar os difíciles retos para a cultura na nosa lingua. Beizóns aos promotores e facilitadores deste proceso de tan valiosa unidade das letras galegas.

Onte 1508: O Cabanillas de Fernández Rei

couceiro_19-11-205

Couceiro de Compostela volveu quedar pequena para a presentación de Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, o libro no que o profesor Francisco Fernández Rei compilou trinta dos seus traballos arredor do «poeta arelado».  Un libro co que Fernández Rei contribúe a enriquecer o catálogo arredor de Cabanillas de Xerais, un dos autores cabezaleiros do noso catálogo, xa que na colección Biblioteca das Letras Galegas editamos os principais poemarios do poeta das Irmandades e no ano 2009 reunimos todos os seus poemarios no volume Ramón Cabanillas. Poesía galega completa. Agora, con este Ramón Cabanillas, Cambados e o Mar da Arousa Fernández Rei compila trinta traballos redactados –moitos deles xa editados en diversas publicacións, nove inéditos–, que abordan o poeta cambadés desde diferentes perspectivas: a literaria e a lingüística; en relación coa análise da presenza de Cambados e do mar da Arousa na súa obra e na doutros escritores da literatura galega moderna e, por último, desde o empeño por reivindicar e valorar a importancia que ten Ramón Cabanillas para a sociedade galega. Como sinalou na presentación en Cambados Anaír Rodríguez, a editora da obra, «este libro é o resultado dunha paixón transformada en moitos anos de dedicación ao estudo da biografía e da obra do poeta cambadés que, de seguro, se vai constituír noutra desas obras de referencia, asinadas por Francisco Fernández Rei».

XG00241201Na presentación compostelá foi Antón Santamarina quen glosou un libro no que o autor desenvolveu as súas facetas de antropólogo, lexicógrafo, dialectólogo, crítico e biógrafo dunha figura que «asociamos, dende a publicación no ano 15 de Vento mareiro, co mar e con Cambados». Pola súa banda, Fernández Rei confesou que o libro constituía unha homenaxe a Cambados, a súa Itaca e a toda a xente amiga que pon en valor a obra de Cabanillas. «Ademais constitúe unha reivindicación da cultura marítima da mar de Arousa, representada na figura de Luís Rei, o director da revista Ardentía, que coñeceu o libro nos seus derradeiros días». O autor lembrou aos seus pais, «que me transmitiron a sua lingua e o seu xeito de estar no mundo». Debullou despois os diversos apartados do libro, lembrou o sue discurso sobre Cabanillas de ingreso na RAG e o primeiro texto do volume, »Cambados, “pobre, Fidalgo e soñador”», publicado en 1977 na revista Teima.

Onte 1507: Presume do Culturgal 2015

Culturgal_2015

Presentamos onte a programación do Culturgal 2015. Máis de cento cincuenta actividades para públicos diversos (familiar, especializado e profesional) que do 4 ao 4 ao 6 de decembro xuntarán no Pazo da Cultura de Pontevedra a máis de medio milleiro de creadores, oitenta entidades expositoras e, previsiblemente, máis de 15.000 persoas. O éxito do modelo acuñado por Culturgal dende hai oito anos, no que participan cinco asociacións representativas dos diversos eidos da industria cultural e patrocinan nun sesenta por cento tres administracións públicas diferentes (Xunta, Deputación e Concello de Pontevedra), radica na asunción dos principios de corresponsabilidade, transparencia e participación, como piares do seu funcionamento. Entusiasmo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que funciona coma un escaparate das novidades dos sectores da cultura galega (edición, artes escénicas, música, audiovisual e cultura dixital), mais tamén como un punto de encontro dos seus profesionais e dos seus públicos.

Xaora, o esforzo do equipo de profesionais que dirixe Xosé Aldea oriéntase a ofrecer aos públicos unha feira que sorprende e innova cada ano, mais na que tamén devagariño pretende consolidar unha tradición. Eis a importancia da estabilidade en Pontevedra e a vontade de compartir a experiencia da feira coa do turismo. Mellorar a experiencia persoal dos diferentes públicos, visibilizar o que está oculto, ofrecer novos espazos formativos, indagar no carácter transversal dalgunhas propostas son tamén obxectivos dunha feira que é de todos e todas, artistas, empresas e públicos. Eis o lema desta edición «Presume de Culturgal». En definitiva, cando apenas quedan un par de semanas para abrir as portas do Culturgal 2015, convidados a sinalar nas axendas as datas do 4, 5 e 6 de decembro.

Onte 1505: Ledicia Lazarillo

Ledicia_Costas-Praza_Publica-644x362Anunciamos onte que a escritora Ledicia Costas gañou o Premio Lazarillo 2015 coa súa novela xuvenil Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante, que publicará Xerais ao longo do vindeiro ano. A narradora e poeta viguesa completa así un ano excepcional no que tamén obtivo o Premio Fervenzas ao mellor libro infantil, o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil e o Premio Nacional de Literatura Infantil por Escarlatina. A cociñeira defunta, recentemente publicada en castelán, ademais de que a súa novela Recinto Gris fose incluída na Lista do IBBY dos mellores libros para xoves discapacitados. Neste 2015 Ledicia Costas publicou o seu primeiro libro de relatos, Un animal chamado Néboa, recibido de forma entusiasta e unánime pola crítica e polo lectorado. Autora dunha obra narrativa moi variada, dirixida a públicos diversos, membro da chamada Xeración da Esperanza, Ledicia Costas confírmase como unha das escritoras galegas de referencia nesta segunda década do século XXI.

No que atinxe á novela premiada, Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante, o xurado do Lazarillo, no que participaron obras escritas nas catro linguas oficiais, sinalou que »se trata dunha obra ambientada no Vigo do século XIX na que se recrea unha das visitas de Jules Verne á cidade da ría que o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas de viaxe submariña». «Con todo, contra o que acredita a documentacion da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1.884 non é fortuita. O escritor chega á cidade porque esta a perseguir o rastro das misteriosas mulleres planta.» «A protagonista da obra é Violeta, unha adolescente intelixente e inconformista que vive cos seus avós nunha botica. Os tres están convencidos de que ninguén máis ca eles coñece o segredo que agochan desde hai decadas: que tanto a propia Violeta como a súa avoa Melisa pertenecen a esa estirpe de mulleres metade humanas, metade planta. Coa chegada do escritor á cidade, iníciase unha aventura na que hai submariños, iates a vapor e  extrañas criaturas con alma de planta.»

Onte 1502: Rivas homenaxea a libraría

Coincidindo co Día das Librarías, chegaron do prelo os primeiros exemplares d’ O último día de Terranova, a novela coa que Manuel Rivas homenaxea á libraría e ás libreiras e libreiros. Na presentación que fixo o pasado mércores diante de máis de trinta profesionais da libraría galega, Rivas afirmou a súa convicción futurista, optimista que establece unha relación entre o espazo da libraría e a presenza humana, «que é imprescindible para que o factor humano estea presente nos libros», «ten que ver coa propia natureza do que se escribe nos libros, será moi difícil poder falar de literatura sen contar coa libraría». Manuel Rivas definiu «as librarías como o líquido amniótico onde se desenvolve a liberdade, precisamos desa auga para que non quede todo no imperio do baleiro».

XG00215001Manuel Rivas explicou que «O último día de Terranova é unha historia cun lado perturbador, contada por un único narrador, Vicenzo, o libreiro da libraría Terranova que posúa a música do humor e da ironía, que conta e lembra a polifonía de voces que está na súa memoria». Cualificou a novela como «radiografía da sociedade, cunha dimensión da serie negra, unha historia de amores con presenza do exilio, localizada nunha libraría anfibia, que tiña a condición de ponte con América, á que chegan os libros nas maletas dos emigrantes». Situou a novela a carón d’ A boca da terra, o libro de poemas publicado o pasado verán, «unha irmá siamesa cuxa ollada fosforescente moito me axudou a que a escrita fose unha especie nova». Salientou o papel dos libros como personaxes, así como a dos seus editores, como foi o caso de Jacobo Munick, o responsable da arxentina Fabril editora, que deseñou un catálogo extraordinario no que incluíu a primeira edición en castelán d’ O vixía no centeo de Salinger, co título El cazador oculto.

Onte 1501: «Marcas» de Xavier Navaza

XG00241701Presentamos onte en Couceiro de Compostela, acompañados de Manuel Outeiriño, o ensaio do xornalista Xavier Navaza Marcas. Signo, comunicación e consumo na era da simulación. Especializado durante moitos anos na reportaxe, o xénero matriz do xornalismo inconformista, e na crónica política, nas duascentas cincuenta páxinas de Marcas ofrece unha longa e detalladísima reportaxe do que sucedeu no mundo dende 2008, ese tempo que de forma eufemística chamaron «crise económica» e que o autor bautiza como «era da simulación». Artellado en seis capítulos e un preámbulo, que funciona como resume, cun estilo vibrante, onde se enfían informacións diversas, Navaza realiza un retrato demoledor desta era caracterizada polo control reconstrúe o mosaico deste tempo no que os grupos financeiros pasaron a tomar o control a través das axencias de cualificación e empresas de auditoría estadounidenses, da utilización das marcas comerciais e da colonización dos medios de comunicación e do mundo da cultura e da política transformado en espectáculo.

Unha era na que o chamado BIG Data controla o ADN dixital do electorado através de Internet e das súas redes sociais; onde as axencias de cualificación, as chamadas «As tres irmás», elaboran profecías que se autorrealizan, agravando a crise económica dos países que elas mesmas poñen en dúbida. Xaora, Navaza analiza o papel da postmodernidade, que dende hai dúas décadas contribuiu ao proces oactual de desregulación e desactivación dos talantes críticos, motor dunha cidadanía en pleno uso das liberdades. Detense na análise do funcionamento da economía como un xigantesco casino, onde as trampas e as apostas de infarto constitúen a trabe de ouro do sistema financeiro. A pesar da deterioración da idea de democracia, provocada polos mercados e as súas marcas de referencia, Xavier Navaza remata o ensaio de forma optimista, xa que identifica «unha marea de ideas e propostas alternativas que removen a opinión pública a escala mundial». Un ensaio político valioso, cuxa lectura recomendo moi vivamente.

Onte 1498: «Lendo lendas, digo versos»

XG00236001Acabamos de publicar Lendo lendas, digo versos de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas. Un libro fermoso e singular, dentro da nosa serie Milmanda, no que se recollen vinte lendas con cadanseu poema e cadansúa ilustración. Como sinalan na presentación os autores, «non existía até agora no noso acervo literario poemas que falasen de mouras, encantos e tesouros». Na literatura galega apenas existen creacións poéticas que atendan aos seres míticos da nosa cultura popular. A pesar de que si existen moitas referencias dos mitos de creación cultura como Breogán e Merlín. Os dous Antonios intentaron cubrir este baleiro esquecido. Un empeño compartido no que dende posicións creadoras distintas estableceron un diálogo entre relato e poema. Reigosa recuperou o relato dende a tradición, Teijeiro traduciuno ao verso, o que nunca de fixera na nosa historia literaria. Mentres que Xosé Cobas captou o momento preciso do desencantamento na súa tradución visual e pictórica.

Todos os tres construíron un tratamento pioneiro do lendario popular galego, representativo dos seres e dos lugares onde aniña a lenda, coa intención de provocar a curiosidade polo coñecemento da literatura e da cultura popular de Galicia. Xaora, Lendo lendas, digo versos é unha proposta para conversar coa nosa tradición sen renunciar, como sinalan os autores, «nin á historia (substancia que alimenta a fantasía) nin a poesía (o recendo musical do imaxinario) nin á imaxe (un instante imborrable na memoria). Un libro único na edición galega, un fito creativo de tres clásicos contemporáneos en diálogo coa nosa tradición. Convido a participar nas presentacións que se celebrarán o mércores 11 de novembro na Libraría Trama de Lugo e o 18 en Librouro de Vigo.