Caderno de Bretaña III

INTERCÉLTICO
Brest e An Oriant son dúas cidades de arquitectura aparentemente insípida. Bombardeadas e case totalmente destruídas por ingleses e norteamericanos, por ser bases dos submariños alemáns na IIª Guerra Mundial, estas dúas cidades obreiras foron reconstruídas empregando os criterios da planificación urbanística dos anos cincuenta e sesenta. Cuadrículas de edificios de formigón de seis andares e algunha mole singular de arquitectura racionalista conforman as coordenadas destas dúas cidades de beleza oculta. Porén, souberon atopar no seu carácter de cidades portuarias (tanto dende o punto de vista pesqueiro, comercial, militar, deportivo coma cultural) o perfil que as singulariza como dúas das máis interesantes e dinámicas de Francia.
Brest, situada nunha rada preciosa, centro dunha área metropolitana de máis de trescentos mil habitantes, atopou no mar a súa identidade, converténdose así nun dos referentes da cultura marítima mundial. A organización dos festivais marítimos (cuatrienais), a ubicación do Centro Nacional de Explotación dos Océanos, do Centro Oceanográfico de Bretaña, da base dos submariños nucleares franceses, de Oceanapolis e dunha dinámica Universidade permitiron o despegue desta cidade que aparentemente conta con escasos encantos patrimoniais.
Outrosí sucede con An Oriant, primeiro porto pesqueiro de Francia polo valor das súas capturas, unha cidade hoxe de sesenta e pico mil habitantes, renacida das súas cinzas durante os anos cincuenta, que atopou, dende 1971, na celebración do Festival Interceltique o seu elemento clave de proxección internacional e renovación urbana. Así o puidemos comprobar na nosa visita a un evento xigantesco e un chisco desmesurado (como lles presta aos bretóns) que durante dez días mobiliza e ocupa toda a cidade.
Organizado por unha entidade privada (dirixida desde este ano polo asturiano Lisardo Lombardía) e contando, fundamentalmente co apoio de empresas privadas e medios de comunicación, o Intercéltico é un modelo de organización de grandes eventos que vai moito máis alá do musical e, mesmo, do estritamente cultural. O Interceltique (hoxe o festival máis importante de Francia) é máis que un enorme evento da música folqui (con trescentos concertos, 4.500 artistas e setecentos mil espectadores), que se desenvolven nos maís diversos formatos, dende os grandes concertos no Estadio, no porto pesqueiro e no Grande teatro, ás actuacións nos bares e nas diferentes carpas.
O Interceltique é, ademais, un festival literario e unha festa do libro; un salón de arte contemporánea e, sobre todo, un grande espazo para o turismo familiar (algo fundamental en Francia) con mercadiños e espazos para o picoteo máis diverso. Actividades todas elas moi ben artelladas arredor do discurso da Keltia que ten no país convidado (nesta edición Escocia) o elemento de maior cohesión.
No noso percorrido polo “Quai des Pays Celtes” visitamos o espazo de Galicia (un pavillón de Turgalicia de deseño moi elegante, aínda que meramente publicitario, sen alma nin servizos, como teño comprobado noutras ocasións que se organiza adoito a nosa presenza en eventos internacionais) e o magnífico espazo comercial do Obradoiro de Gaitas dos Seivane, que constituía a auténtica embaixada de Galicia no festival.
As actuacións de Fía na roca, Luar na lubre, de Unión das Terras e da Banda de Gaitas de Outes foron as nosas achegas principais a un programa amplísimo que nesta edición se foi abrindo a outras músicas non estritamente folquis, unha orientación que semella se intensificará en vindeiras edicións.
De cara ao 2009, ano no que Galicia será o país convidado, moito haberá que traballar para que a nosa presenza adquira a relevancia e d
ignidade que un evento desta importancia e proxección merece. Quedei coa idea clara de que o Interceltique é moito máis ca un evento musical macro. Ademais de ofrecer un programa atractivo do conxunto da creación musical galega, haberá que pensar en cómo organizar a presentación da cultura (libro, arte, gastronomía…) e da realidade da Galicia contemporánea no seu conxunto. En definitiva, An Oriant 2009 debe entrar na axenda da Consellaría de Cultura e de Turgalicia.

Etiquetas:
1 comentario

Los comentarios están desactivados.